![]() |
| A piscifatoría da Laxe Brava, fóra da Rede Natura e ás portas de Corrubedo, ilegal segundo o TSXG |
|
|
|
27 de febreiro de 2012. O TSXG vén de anular a prevista piscifatoría da Laxe Brava en Corrubedo. Estima o recurso presentado polo concello de Ribeira contra esta instalación, veciña ao Parque Natural. Na súa fundamentación, o TSXG argumenta "que todos eses valores [paisaxísticos e ambientais] poidan ser preservados por una instalación de acuicultura que ocupe as dúas terceiras partes dun espazo de 308.000 m2 é algo do que cabe dubidar". Deste xeito, unha das instalacións máis polémicas do Plano Acuícola do bipartito (e situada fóra da Rede Natura) queda anulada. Lonxe de felicitarse, Feijóo debera poñer as barbas en remollo: o TSXG recoñece o impacto das macroplantas acuícolas mesmo fóra da Rede Natura e chama a atención sobre a intensa e inxustificada ocupación do chan rústico. Como quedaría entón o Plano Director do PP se mesmo permite piscifatorías en parques naturais e aposta pola concentración das instalacións en macropolígonos? É esta a "seguridade xurídica" que predicaron Feijóo e Rosa Quintana? Sentenza_LAXE_BRAVA (103 Kb)
No seu Plano Director, a Xunta pretende eliminar os impactos paisaxísticos das macroplantas acuícolas aos que se refire a sentenza do TSXG pintando de verde as piscinas, plantando erva e instalando teitos de palla. E que dicir dos centos de hactáreas arrasadas a cota cero en hábitats cuxa protección é considerada prioritaria por Europa (ver o caso de cabo Viñán ou Touriñán) e dos millóns de metros cúbicos de augas contaminadas con antibióticos, químicos e parásitos inxectadas directamente no litoral virxe. Con esta sentenza, o TSXG senta precedente e abre a porta para que calquera cidadán, colectivo ou administración poida facer valer a protección do litoral fronte ao intento de asalto da patronal acuícola coa connivencia da Xunta. Tanto ten que Feijóo teña declarado a acuicultura "de interese público de primeira orde" para puentear a Rede Natura; tanto ten que os instrumentos de protección territorial foran convintemente rebaixados e que calquera sitio da costa poida ser ocupado: non é posíbel agochar os enormes impactos ambientais e territoriais destas instalacións e a Xunta non pode obvialos. Segundo o TSXG "infrínxense os principios de cautela e de protección do medio ambiente que establece a Lei 9/2006". Esta sentenza alonxa aínda máis o obxectivo de Pescanova de ocupar Touriñán, mais non só este espazo. Tamén calquera outro treito de costa que albergue valores paisaxísticos, biolóxicos ou xeomorfolóxicos destacados está protexido pola lexislación ambiental fronte aos "instrumentos de demolición" deseñados ad hoc pola Xunta. |
Cursos de formación de voluntariado ambiental da CEMMA |
Primavera ambiental na UDC |
VII campo de voluntariado ambiental do río Tea |
Limpeza simultánea de praias 2012 |
IV congreso internacional de agroecoloxía e agricultura ecolóxica en Vigo |