![]() |
| A auga potábel de Caldas acada níveis récord de toxina malia aos tratamentos no encoro e na ETAP |
|
|
|
1 de outubro de 2011. A concentración de microcistina na auga potábel de Caldas acadou o 5 de setembro o valor máis alto dende que se fan medicións: 0,6µg/l (microgramos por litro) á saída da ETAP (estación potabilizadora). Malia a que o valor límite de referenza é 1µg/l (RD 140/2003), hai que ter en conta que esta toxina ten efectos acumulativos, polo que a presenza na auga de calquera cantidade xa é preocupante. Neste senso, a OMS recomenda unha inxesta diaria tolerábel (IDT) de 0,04µg/kg/día. Isto significa que coa concentración de toxina que ten a traída Caldas (0,6µg/l) todas as persoas de menos de 15 kg de peso (bebés e nenos/as) que beban 1 litro desta auga ao día xa superarían a IDT recomendada. Para ADEGA queda demostrada a ineficacia do tratamento con cortiza no encoro e dos sistemas de potabilización para eliminar a toxina. A única solución para reducir o risco a cero é abrir o encoro e liberar o Umia para evitar a proliferación da microcystis. Analítica_auga_Caldas_5-9-2011 (208 Kb)Os 300.000€ investidos no tratamento con cortiza das augas do encoro; os 700.000€ da nova captación; os 34.000€ do proxecto para a redución da eutrofización e o que se leva gastado xa nos sistemas de tratamento da auga potábel, están sendo inúteis. E os 20 millllóns que até o 2015 está previsto gastar no "Plan Umia" serán tamén un desbaldimento de cartos públicos. Todo para manter o negocio hidroeléctrico do Sr. Cortizo e que o conselleiro Hernández non teña que admitir o inmenso erro, os atropelos e as corruptelas que acompañaron á construción do encoro de Caldas, na que tivo destacadas responsabilidades. Acontece que apesar do eucalipto as algas non dan desaparecido do encoro, e apesar dos tratamentos a toxina non só non se elimina da auga potábel senón que está a acadar os valores máis altos dende que se fan medidas. Este feito debería preocupar ás autoridades, por canto estase a poñer en risco á poboación que consuma esta auga. A veciñanza de Caldas debe saber que están bebendo auga cunha toxina de graves consecuencias para a saúde. As investigacións da OMS teñen demostrado que a microcistina, xa a doses extremadamente pequenas, provoca importantes danos no sistema hepático; problemas do aparello dixestivo e graves efectos neurotóxicos sobre o sistema nervioso central. Advirte tamén a OMS de que hai probas sobre o papel da microcistina como indutora ou desencadeante de procesos tumorais e de que, ademais, presenta efectos acumulativos no organismo o que implica que non haxa unha dose mínima de seguridade. Dados estes efectos acumulativos, habería que eliminar toda carga tóxica da corrente de auga. Os sistemas oxidativos de depuración non dan degradado totalmente a carga tóxica de microcistina. É máis, nestes procesos poden producirse outros compostos con alto poder canceríxeno: O cloro ou hipoclorito da lugar a cloroderivados, todos eles canceríxenos. E co ozono, libérase o benceno ligado na molécula de microcistina, que é tamén un composto de comprobado poder canceríxeno e efectos acumulativos. A solución máis efectiva, barata, respectuosa coa lexislación e xusta para coa cidadanía e o medio ambiente é pois a apertura do encoro e a liberación do río. O conselleiro Hernández debería asumir os seus erros e deixar de facer o xogo a Cortizo, en lugar de seguir desbaldindo cartos públicos e experimentando coa saúde da poboación que se abastece do Umia. |
Cursos de formación de voluntariado ambiental da CEMMA |
Primavera ambiental na UDC |
VII campo de voluntariado ambiental do río Tea |
Limpeza simultánea de praias 2012 |
IV congreso internacional de agroecoloxía e agricultura ecolóxica en Vigo |