![]() |
| As charlas sobre o urbanismo en Barreiros analisan este venres o Plano Sectorial dende o dereito |
|
|
|
|
En relación ao caso de Barreiros, o exDirector Xeral sinalou que, de ningunha maneira , a Dirección Xeral de Urbanismo actuou de forma sectaria como a acusa o PP, senón que se trataba, -ao igual que en Foz, en Fisterra, en Miño, etc, - de defender os intereses xerais fronte á irracionalidade urbanística. En menos dun ano déronse licenzas urbanísticas para máis de 3.500 vivendas, con visados no Colexio de Arquitectos de Lugo para un total de 6.500 vivendas, nun concello do litoral que non chega aos 4.000 habitantes. Non se trataba, manifestou o exdirector Xeral, de prohibir ningún desenvolvemento urbanístico, senón de que as novas edificacións contasen cos servizos básicos de abastecemento de auga, de subministro eléctrico, de saneamento e de rede viaria nas condicións adecuadas ao nivel de poboación que se podía prever. E tratábase tamén de que os promotores cedesen o solo necesario non só para estes servizos, cuxo costes tiñan que correr integramente a cargo deles, senón tamén solo para zonas verdes e dotacionais e para vivenda pública. Ramón Lueje acabou recoñecendo que nesta aposta polo cumprimento da lei, por un urbanismo de calidade e por unha xestión racional do territorio, se ten sentido social e politicamente moi só, pero que, sen embargo, sempre contou co apoio de practicamente todos os funcionarios da Consellería e, por suposto, da exConselleira, María Xosé Caride, e do exPresidente da Xunta, Emilio Touriño.
Por último, o representante de ADEGA, Daniel L. Vispo, explicou o caso paradigmático de como se lle ten recoñecido o outorgamento de licenza a unha parcela de San Bartolo sen servizos urbanísticos básicos; en contra do informe da Secretaria Municipal por exceso de edificabilidade; en zona onde o Decreto 15/2007 prohibe expresamente novas edificacións; ocupando dominio público hidráulico, sen concesión nin autorización do organismo de bacía, sen abrir investigación algunha por ocupación de solo municipal (a pesar das reiteradas denuncias dos veciños) e, por riba, sen ter transcorridos os tres meses preceptivos para o cómputo do silencio administrativo positivo. Todo un exemplo das moitas ilegalidades e licenzas irregulares que se teñen dado en Barreiros. Na sesión de intervencións de mañá, venres, que comezará ás 20 horas, os profesores da Universidade de Santiago, Fernando de Abel e Alba Nogueira, xunto con J. Luis Sanmiguel, secretario do colexio de Arquitectos de Lugo, falarán sobre DEREITO DE URBANISMO, tratando de explicar os problemas legais do novo procedemento urbanístico que ten iniciado a Xunta de Galicia ao promover un Plan Sectorial, financiado con cartos públicos, coa finalidade de dotar de rede viaria, de abastecemento de augas e de rede de saneamento a todas estas novas edificacións, cando estes servizos tiñan que estar completados antes do outorgamento da licenza e, ademais, a cargo exclusivamente dos promotores propietarios do solo, e despois de facer as preceptivas cesións de solo que marca a Lei. Neste encontro, poderemos comprobar que o problema urbanístico pode que sexa complexo, pero a utilización da figura do Plan Sectorial para financiar e resolver o problema urbanístico dunhas licenzas ilegais pode que non sexa menos dificultoso. |
Cursos de formación de voluntariado ambiental da CEMMA |
Primavera ambiental na UDC |
VII campo de voluntariado ambiental do río Tea |
Limpeza simultánea de praias 2012 |
IV congreso internacional de agroecoloxía e agricultura ecolóxica en Vigo |