Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Novas arrow Novas de ADEGA-Trasancos arrow Réquiem polo río Eume
Réquiem polo río Eume Imprimir E-mail
chamoselotn.jpg30 de xuño de 2008. A recente mortandade de reos no Eume, ao parecer relacionada coa rápida acidificación das augas, débese segundo a Xunta a... o propio río! Esta afirmación da Consellería de Medio Ambiente, botando a culpa ás "características xeolóxicas da canle asociadas ás variacións pluviométricas", lembra a aqueloutra que responsabilizaba "aos ventos e correntes" da chegada do chapapote. Baixo estes eufemismos técnicos agóchase unha preocupante falta de rigor e capacidade, nun intento por eludir as eventuais responsabilidades da administración. Que pasa arrastres das obras da autovía Ferrol-Vilalba ao río Chamoselo, afluente do Eume? Que pasa co aliviado do encoro do Eume?. E que pasará co enorme macrolago ácido que se está a formar na mina de As Pontes? E iso que estamos a falar dun Parque Natural...
 

"Entre todos o están a matar e el só vai morrendo". Con este dito podería resumirse o acontecido nos últimos anos co Eume, un río que malia a estar protexido en gran parte do seu curso e circular através dun Parque Natural, vén aturando continuas agresións que ameazan con deteriorar irreversíbelmente os seus valores ecolóxicos.
reo.jpgO caso da recente mortandade de peixes, principalmente reos, non é unha novidade. Xa se teñen producido casos similares tanto ou máis graves en 2005 e 2006, reiteradamente denunciados por pescadores e ecoloxistas, e relacionados case sempre con actividades humanas. A grande mortandade deses anos relacionouse coa chuvia áceda de Endesa e co efecto das obras da autovía Ferrol-Vilalba, respectivamente.
Non parece pois descabelado supoñer que detrás deste último desastre, está tamén a man do home. Unha man que a Consellería de Medio Ambiente obstínase en non ver, nun exercicio de inoperancia e irresponsabilidade que lembra moito á política de "deixar facer" (ás grandes empresas e infraestruturas), usual na administración galega non hai moito tempo.
Mais desta volta, a Consellería pretendeu derivar a súa falla de compromiso coa lexislación ambiental e coa protección dos nosos ríos, tentando responsabilizar da catástrofe... ao propio Eume! O feito de afirmar que a orixe da brusca acidificación eran as propias características xeolóxicas do río, habendo recoñecidos precedentes en casos similares (vertidos da mina de lignito, chuvia aceda, arrastres das obra da autovía Ferrol-Vilalba, aliviado do encoro...) é poñerse unha venda nos ollos para non querer ver... e seguir a deixar facer.
mostraxe.jpgTivo que ser a Sociedade de Pescadores Caaveiro e a xente de www.vadeando.com a que cun sinxelo medidor de pH fixera unha mostraxe en varios treitos do río para identificar as posíbeis fontes das augas acedas. Os resultados parecen sinalar cando menos a dous focos ben diferenciados: por unha banda o río Chamoselo, que baixaba marrón e moi acedo (pH=3,07) polos arrastres da autovía Ferrol-Vilalba; e por outro o aliviadoiro do encoro e a central hidroeléctrica (pH=4,76). En ningún caso, a orixe destes focos ácidos está nas propias características do río, a non ser que supoñamos que o estado natural do Eume (e non estaría moi errado) sexa o de servir de vertedoiro.
ADEGA pregúntase até cando vai seguir a impunidade da administración polos vertidos das obras e o dereito de pernada de Endesa sobre o Eume, e alerta sobre os impactos que o enchido da mina vai ter no ecosistema do río. chamoselo2.jpgSe estando como está hoxe, o Eume pode considerarse ecolóxicamente morto nalgúns treitos, que ocorrerá cando diminúa o seu caudal pola captacións do enchido da mina e se produzan "episódicos" fallos na depuradora do macrolago ácido? E quen vai asumir as responsabilidades se toda esa auga do lago acaba esborrallando polo Eume abaixo debido a unha inestabilidade sísmica que ninguén tivo en conta?
Esiximos que se fagan públicas as conclusións das investigacións deste vertido, e que dunha vez por todas se depuren as responsabilidades ás que houbera lugar. E como medida de precaución, exiximos á administración que paralise a execución do enchido da mina de As Pontesd até ter avaliado os riscos sísmicos dun proxecto que polo de agora, só beneficia a Endesa.
 

< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
Adega