| Política de Costas: un paso adiante e tres para atrás |
|
|
14 de febreiro de 2008. ADEGA CONSIDERA INXUSTIFICADAS E ILEGAIS AS PRÓRROGAS DAS CONCESIÓNS E AS CONDICIÓNS DO DESMANTELAMENTO DAS INSTALACIÓNS NO DOMINIO PÚBLICO. A Consellería de Pesca e o Ministerio de Meio Ambiente veñen de anunciar novas prórrogas para as concesións que ocupan o dominio público marítimo-terrestre e a servidume de tránsito (6m). No seu momento, ADEGA valorou positivamente a intención do Ministerio de liberar o dominio público e recuperar as servidumes no litoral, obrigando ás instalacións a retranquearen a súa ubicación. Esta política sofre agora un decepcionante retroceso para atender ás presións do lobby do ladrillo e da patronal da acuicultura industrial, da que a conselleira de Pesca é a principal valedora.A Lei de Costas, no seu artigo 32.1 e no artigo 60 do seu Regulamento, é moi clara: “unicamente se poderá permitir a ocupación do dominio público marítmo-terrestre para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza non poidan ter outra ubicación”, polo que o Ministerio só estaba a cumprir a lei para que urbanizacións, plantas de acuicultura e outras instalacións deixaran de ocupar impunemente o dominio público. ![]() En coerencia con esta política valente, ADEGA demandaba tamén de Costas unha máis rigorosa delimitación do deslinde, sen concesións á especulación urbanística e demáis comenencias, así como a extensión das medidas de recuperación á zona de servidume (100 metros) de protección do dominio público marítmo-terrestre, na que segundo a Lei e o Regulamento de Costas “só se permitirán nesta zona, as obras, instalacións e actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra ubicación ou presten servizos necesarios ou convenientes para o uso do dominio público marítmo-terrestre” (artigo 25.2 da Lei de Costas e artigo 46 do Regulamento). No entanto, a medida que agora veñen de anunciar a consellería e o ministerio resulta INACEITÁBEL polas seguintes razóns: -Unha vez vencida a concesión por un prazo máximo de 30 anos, a Lei e o Regulamento de Costas establece que as obras deben reverter á titularidade pública ou ser desmanteladas (artigos 143 e 144 do Regulamento) no prazo máximo de tres meses, salvo casos debidamente xustificados. A nova resolución supón unha amnistía xeral encoberta que “pontea” a lei de Costas para permitir ás instalacións seguir ocupando o dominio público por outros 28 anos máis. Dende o noso punto de vista, unha prórroga xeralizada é contraria ás disposicións legais, e é moi probábel que ao seu remate, o dominio público siga sen ser desocupado. Lembremos o que pasou coa insubmisión xeralizada dos concellos galegos co periodo de 3 anos para adatar os seus PXOMS á lei do Solo de 2002. -En lugar dun trato particularizado para cada instalación, establécese esta prórroga xeralizada de sete anos, ampliábeis até 28, sen ter en conta nen as circunstancias e especificidades de cada concesión, nen o tempo que lles queda actualmente para o vencemento, nen as dificultades de reubicación propias de instalacións moi diferentes. -Resulta totalmente inaceitábel e escandaloso que o retranqueo das instalacións se vaia a levar a cabo con recursos públicos, sexan da Dirección Xeral de Costas ou de calquer outra institución, cando a Lei e o Regulamento de Costas dispón que os concesionarios están obrigados a “constituiren un depósito en cantidade suficiente para responder dos gastos de levantamento das obras e instalacións e retirada fóra do dominio público marítmo-terrestre e a súa zona de protección” (artigo 142 do Regulamento) e a “retirar as obras e instalacións no prazo que houbera fixado a Admnistración” e que, “de non levarse a cabo polo titular a demolición, retirada e reparación das instalacións, ou de que se teña realizado defectuosamente, a Administración executará subsidiariamente os traballos que non houbera efectuado” (artigo 143 do Regulamento). Este feito, alén de verdadeiramente escandaloso é unha malversación dos recursos públicos. Finalmente, ADEGA amosa a sua decepción porque a política de defensa dos intereses xerais iniciada pola ministra Narbona e concretada en medidas valentes (merca de terreos, demolicións e recuperación de concesións), sufre agora un decepcionante retroceso para atender ás presións do lobby do ladrillo e a patronal da acuicultura industrial, da que a conselleira de Pesca, Carme Gallego, é a principal valedora. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|

14 de febreiro de 2008. ADEGA CONSIDERA INXUSTIFICADAS E ILEGAIS AS PRÓRROGAS DAS CONCESIÓNS E AS CONDICIÓNS DO DESMANTELAMENTO DAS INSTALACIÓNS NO DOMINIO PÚBLICO. A Consellería de Pesca e o Ministerio de Meio Ambiente veñen de anunciar novas prórrogas para as concesións que ocupan o dominio público marítimo-terrestre e a servidume de tránsito (6m). No seu momento, ADEGA valorou positivamente a intención do Ministerio de liberar o dominio público e recuperar as servidumes no litoral, obrigando ás instalacións a retranquearen a súa ubicación. Esta política sofre agora un decepcionante retroceso para atender ás presións do lobby do ladrillo e da patronal da acuicultura industrial, da que a conselleira de Pesca é a principal valedora.

