|
Graves impactos dos parques eólicos Muxía I e II |
|
|
12 de Nadal de 2007. ADEGA ven de coñecer a resposta da empresa ás nosas alegacións contra os parques eólicos Muxía I e II, que pretenden instalar 76 aeroxeradores ao longo de 10 km de costa, dende Cabo Touriñán a Muxía. Os dous proxectos van supoñer unha brutal agresión a un entorno litoral de especiais valores naturais, con flora endémica e especies protexidas. Mesmo a consellaría de M. A. vai incluir esta área na vindeira ampliación da Rede Natura 2000. A respeito do impacto na avifauna, a empresa manexa argumentos tan peregrimos como que as aves voan por onde non hai muíños ou que como unha especie é escasa, o proxecto non lle afecta. Vaites co "estudo" de impacto!
No estudo de impacto presentado pola promotora, as afeccións sobre o medio están minusvaloradas tratando sempre de restar importancia ao que non deixa de ser unha agresión ambiental de primeira orde. Entre os graves impactos que provocarán estes dous parques eólicos, está a destrucción de varias poboacións de Centaurea corcubionensis, planta protexida e endémica da Costa da Morte. A empresa promotora insiste en que esta especie non se verá afectada, cando a realidade é que as obras poden significar a perda de varias poboacións de Centaurea, o que podería facer necesario incluila nesa “UVI” das especies de Galiza que é Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Non é asumíbel que nin este nin outro proxecto comprometan a viabilidade dun elemento senlleiro do noso patrimonio natural, malia a que no estudo de impacto ambiental debera ter en conta esta situación. A este respeito, a consellería de Medio Ambiente na súa proposta de ampliación da Rede Natura prevista para fin de ano, pretende protexer varias zonas afectadas por estes parques, precisamente polas singularidades botánicas e faunísticas que albergan. No tocante aos impactos na avifauna, o estudo presentado pola promotora descarta alegremente calquera posíbel afección con afirmacións como: “unicamente son zonas de risco as próximas aos aeroxeradores MXI 01, 02, 03, 09 e 11”; “O impacto sobre Caprimulgus europaeus (noiteira) é compatíbel debido á súa escasa presenza no territorio de estudo”; “As áreas de voo observadas non coinciden coas zonas de instalación de aeroxeradores”, o que traducido á linguaxe corrente significa que “as aves só van morrer en 5 aeroxeradores”, “como un ave é escasa, o proxecto non lle afecta” e “as aves voan por todas partes menos por onde hai muíños”. A vacuidade e inconsistencia dos argumentos presentados pola empresa para xustificar unha obra de enorme impacto ambiental, así como a ausencia de medidas correctoras, avala a petición de ADEGA para que a consellería de Medio Ambiente emita unha Declaración de Impacto negativa. |