| Desfeita no LIC Brañas de Xestoso |
|
|
27 de setembro de 2007. As obras dun parque eólico destrúen por completo un espazo protexido da Rede Natura 2000. As Brañas de Xestoso, espazo integrado na Rede Natura 2000 de Galiza e que partillan os concellos de Silleda, A Estrada e Forcarei están sendo destruidas neste mesmo intre polas obras dun parque eólico. As obras, que inclúen a apertura de pistas, a instalación dos muíños, a construcción dunha subestación eléctrica e dunha liña de alta tensión van provocar a fragmentación e drenaxe das zonas húmidas e un impacto paisaxístico e ambiental irreversíbel. ADEGA e os veciños/as da zona teñen interpostos recursos administrativos contra construcción deste parque por violar as leis de protección da natureza e non atender ao interese público, que no entanto semellan terse desestimado por “silenzo administrativo”. Por se isto fora pouco, estase construindo dentro do Concello da Estrada onde as obras carecen de licenza municipal. Estas irregularidades súmanse á violación das modificacións do proxecto obrigadas pola Consellería de Industria no ano 2004. Nestes momentos, o proxecto está a desenvolverse seguindo o planexamento orixinal e incumprindo as modificacións preceptivas referidas no decreto de modificación do expediente IN661A 99/1-4, emitido por Industria, e que obrigaba a inserir cambios na ubicación dalgúns elementos. Estas modificacións atinxían por exemplo a algúns muíños, como o situado dentro do Concello de Silleda, que afectaba á zona de protección patrimonial dunhas mámoas no Couto de San Sebastián. ADEGA xa puxo estes feitos en coñecemento do SEPRONA, das Consellerías de Cultura, Industria e Medio Ambiente e do Concello da Estrada, de cara a conquerir a paralización cautelar das obras. No recurso de reposición interposto no seu momento por ADEGA alégase que a declaración de interese público non está xustificada, ao afectar a espazos protexidos que dispoñen tanto de hábitats de interese comunitario como hábitats prioritarios protexidos pola Directiva de Hábitats (92/43 CE). A este respeito, ADEGA vai poñer os feitos en coñecemento da Comisión Europea, para que en Europa se decaten do respecto que se está a ter no noso país pola conservación das áreas protexidas, e o destino que se lle estan a dar aos fundos europeos. Finalmente ADEGA solicita o apoio de todas os cidadáns defensores/as da natureza para evitar que se siga a producir a destrucción dos nosos ecosistemas máis valiosos, tal como ocorreu na Serra do Xistral e agora nas Brañas de Xestoso cos parques eólicos. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|





