|
Numerosos vertidos ameazan o río Deva na Cañiza |
|
|
A Cañiza, 6 de setembro de 2007. ADEGA-Paradanta ven de comprobar o estado lamentábel de contaminación por augas fecais que presenta o río Deva no Concello da Cañiza. Varios vertidos degradan o río, entre eles os da propia depuradora da Cañiza que, como se pode comprobar polas fotos, non funciona axeitadamente. ADEGA-Paradanta se pregunta como a pesares da depuradora as augas seguen a estar contaminadas.
Deste xeito o río Deva que tiña unha gran riqueza de especies animais, agora debido á súa degradación resulta imposible que sobrevivan alí. As autoridades municipais deben tomar medidas para evitar que os ríos estean contaminados porque isto repercute non só na calidade do medio ambiente senón mesmo pode producir problemas de saúde pública ao estar cargadas as augas con microorganismos. Non se pode permitir que unha vila como a Cañiza non dispoña dun tratamento das augas residuais que impida a degradación do entorno. No caso dos vertidos a “caño libre” detectados ADEGA porá en coñecemento do SEPRONA a localización exacta dos puntos de vertido a fin de determinar os responsables, se existe coñecemento por parte do Concello da Cañiza e máis para que se tomen medidas para solucionar estes problemas ambientais e sanitarios.  A defensa do medio ambiente é cousa de todos e todas. A contaminación inflúe negativamente na nosa calidade de vida degradando o entorno e producindo custes económicos que deben ser subsanados polos responsables xa ben sexan empresas ou administracións, este é o interese público xeral de todos os cidadáns que debe ser respeitado tal e como afirma a lexislación vixente. |