Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Novas arrow Últimas novas arrow Alegacións de ADEGA ao Plano Acuícola da Xunta
Alegacións de ADEGA ao Plano Acuícola da Xunta Imprimir E-mail
pspta.jpg29 de agosto de 2007. Neste día, no decurso dunha rolda de prensa en Compostela, ADEGA deu a coñecer públicamente o contido das ALEGACIÓNS apresentadas á proposta de revisión do Plano Acuícola. Previamente, e xunto con numerosos colectivos de afectados/as e plataformas como as de Arou (Camariñas), Corrubedo (Ribeira), Fazouro (Foz), Fisterra, Malpica, Quilmas (Carnota) e Seráns (Porto do Son) entre outros, fixemos entrega no rexistro da Consellería de Pesca en San Caetano de centos de alegacións e milleiros de sinaturas pedindo a retirada deste insustentábel Plano Acuícola.
 

DOCUMENTO DE ALEGACIÓNS

ALEGACIÓN 1. Encol do CARÁCTER DO PLANO REVISADO: O presente Plano Galego de Acuicultura pretende “determinar as condicións xerais para o futuro desenvolvemento da acuicultura mariña en terra”. No entanto, ao longo da súa exposición fálase continuamente de “sector acuícola” e “acuicultura galega” asumindo a representatividade dun sector no que a acuicultura en terra, nomeadamente a de peixes planos, representa unha mínima parte –concretamente o 1,8%- da producción total (4.000 Tm fronte a 222.000 Tm, datos de 2002) dun sector dominado pola acuicultura a flote e os parques de cultivo de moluscos. Por isto mesmo, dubidamos do carácter estratéxico do vixente plano sectorial por canto responde ás necesidades dunha mínima parte dun sector económico –a acuicultura mariña en terra- esquecendo a aportación, esta sí verdadeiramente estratéxica, da acuicultura a flote e dos parques de cultivo que representan o 98,2% do total da producción e ocupan directamente a unhas 10.000 persoas, fronte ás 520 da acuicultura en terra. Resulta pois incomprensíbel o esquecemento da “parte do león” dun sector económico fulcral para a economía galega, baseado no aproveitamento dos recursos autóctonos, xerador do 95% do emprego do sector e maioritariamente composto por profesionais, asociacións de produtores/as, confrarías e pequenas empresas de capital galego. Entendemos que non está xustificado a elaboración dun plano sectorial que ven a ordenar só unha pequena parte dunha actividade, a acuicultura mariña en terra, con producións comparativamente moi baixas, produtos menor valor engadido, que non contribúe a poñer en valor os recursos mariños do litoral galego, xera poucos postos de traballo e está dominado por unhas poucas corporacións transnacionais.

ALEGACIÓN 2. Encol da INCIDENCIA SUPRAMUNICIPAL: O presente Plano Galego de Acuicultura, revisión do Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria, mantén a declaración de supramunicipalidade do documento en revisión, aprobado no Consello da Xunta do 30 de xuño de 2005, co governo saínte aínda en funcións. Segundo o Decreto 80/2000 do 23 de marzo polo que se regulamentan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, son consideradas de incidencia supramunicipal (artigo 3.3) as “instalacións as destinadas á realización de actividades económicas primarias, secundarias e terciarias que cumpran as condicións sinaladas no artigo 2.1º deste decreto”. O devandito artigo 2.1 sinala que “Os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal teñen por obxecto regular la implantación territorial das infraestruturas, dotacións e instalacións de interese público ou utilidade social cando a súa incidencia transcenda do termo municipal ...”. Non consideramos que as instalacións de acuicultura en terra, que actualmente empregan “525 persoas, entre personal de dirección, ventas, calidade, marketing, producción e I+D” segundo o propio documento técnico, deban ser consideradas de “interese público ou utilidade social”, máxime cando o sector da acuicultura a flote e os parques de cultivo mariños, inexplicabelmente esquecidos no presente Plano, dan emprego directo a unhas 10.000 persoas (datos de 2002). Asemade, no artigo 4º do Decreto 80/2000, recóllese que para declarar a incidencia supramunicipal da infraestrutura, dotación ou instalación, teranse en conta os seguintes criterios: a) Os efectos positivos que produza para o ambiente, a paisaxe rural e o patrimonio cultural. b) A contribución ó desenvolvemento sostible social e económico de Galicia. c) A poboación beneficiaria da infraestructura, dotación ou instalación. d) A función vertebradora e estructurante do territorio que leve consigo tal actuación.[...] f) Calquera outro criterio que contribúa directamente ós obxectivos fundamentais enunciados no artigo 3 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia”. Estes obxectivos son os seguintes: a) Disposición dunha axeitada estrutura espacial tendente a conseguir un equilibrado desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia procurando o máximo benestar da súa poboación ao tempo que se garante a protección e mellora do medio ambiente. b) Definición dos criterios a seguir nos asentamentos favorecendo a accesibilidade da poboación ao medio natural, mellorando as súas condicións de vida. c) Compatibilización do proceso de seguemento do sistema produtivo, da urbanización e da ordenación turística coa racional utilización dos recursos naturais, sobre todo no referente ao litoral, aos recursos hidráulicos e á paisaxe. [...] f) definición das área territoriais que, pola súa idoneidade actual ou potencial para a explotación agrícola, forestal ou gandeira, ou pola súa riqueza paisaxística ou ecolóxica, teñan que ser obxecto de especial protección. [...] Neste senso, e a respeito dos criterios recollidos no artigo 4º do decreto 80/2000, entendemos que o vixente plano sectorial incumpre as condicións para ser considerado de intrerese municipal polas seguintes razóns:

ALEGACIÓN 3. Non ten efectos positivos para o ambiente (art. 4º, criterio a) do Decreto 80/2000): o cultivo de peixes planos non pode considerarse en absoluto, “a única alternativa viable para dar reposta á crecente demanda de consumo destas especies” e “un medio necesario para preservar o aumento da biodiversidade mariña” como se dí no documento “INFORME DA DIRECCIÓN XERAL DE RECURSOS MARIÑOS SOBRE A DIMENSIÓN SUPRAMUNICIPAL DOS PROXECTOS SECTORIAIS DE GRANXA INTEGRAL DE CULTIVO DE PEIXES PLANOS EN COSTA GALLOUFA E DE AMPLIACIÓN DA GRANXA DE QUILMAS, PROMOVIDOS POR STOLT SEA FARM S.A.” emitido o 10 de xaneiro de 2007 pola Dirección Xeral de Recursos Mariños. Ben ao contrario, os peixes planos criados nestas instalacións (rodaballos e linguados) son especies carnívoras que consumen proteína animal transformada en forma de pensos. Estes pensos son fabricados a partir doutros peixes provintes dos descartes da pesca comercial e con especies que non teñen unha saída directa no mercado capturadas en todos os mares do mundo polos grandes arrastreiros industriais. Portanto, non pode afirmarse que esta actividade contribúa a preservar a biodiversidade mariña ou a limitar as capturas da pesca extractiva, porque de xeito indirecto está a detraer inmensas cantidades de biomasa dos océanos para alimentar aos peixes das granxas, diminuindo a diversidade natural do mar e, paradoxalmente, aumentando a presión pesqueira. En canto á afección aos espazos protexidos, non pode afirmarse que o Plano Sectorial en revisión non implica a alteración de ningún espazo protexido, nomeadamente da Rede Natura 2000 de Galiza. O acordo do Consello da Xunta do 22 de xullo de 2006 decidíu revisar e modificar o dito Plano Sectorial, “co obxectivo de asegurar que o desenvolvemento da acuicultura na costa galega é compatíbel coa preservación dos espazos naturais onde se prevé o seu desenvolvemento, e dotalo dunha maior seguridade xurídica”. Neste senso, non se pode pretender que a afección aos espazos protexidos, quer os LICs e ZEPAs da Rede Natura Galega, se limite só a ocupación física destes espazos (ocupación que sí se da puntualmente para determinadas instalacións –foxos, tuberías e bombeos-, así como no caso das ampliacións das granxas existentes). A este respeito, o artigo 6 da Directiva 92/43 CE de Hábitats indica que: Artículo 6 [...] 3. Cualquier plan o proyecto que, sin tener relación directa con la gestión del lugar o sin ser necesario para la misma, pueda afectar de forma apreciable a los citados lugares, ya sea individualmente o en combinación con otros planes y proyectos, se someterá a una adecuada evaluación de sus repercusiones en el lugar, teniendo en cuenta los objetivos de conservación de dicho lugar. A la vista de las conclusiones de la evaluación de las repercusiones en el lugar y supeditado a lo dispuesto en el apartado 4, las autoridades nacionales competentes sólo se declararán de acuerdo con dicho plan o proyecto tras haberse asegurado de que no causará perjuicio a la integridad del lugar en cuestión y, si procede, tras haberlo sometido a información pública. 4. [...] En caso de que el lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural y/o una especie prioritarios, únicamente se podrán alegar consideraciones relacionadas con la salud humana y la seguridad pública, o relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para el medio ambiente, o bien, previa consulta a la Comisión, otras razones imperiosas de interés público de primer orden. Ao noso entender, resulta claro que a construcción de instalacións de acuicultura industrial dentro (caso das ampliacións propostas e afeccións “puntuais”) da Rede Natura, inmediatamente contiguas a un LIC ou ZEPA ou nas súas proximidades sí vai ter repercusións sobre dito espazo, comprometendo a súa integridade natural. Neste senso, os parques de acuicultura en terra non poden ser considerados dende ningún punto de vista actividades relacionadas coa saúde hunama e a seguridade pública. Son actividades industriais xeradoras de millóns de m3 de augas contaminadas cada ano e que van ser inxectadas nun medio litoral de alta calidade ecolóxica, e nalgúns casos mesmo nos treitos marítimos dalguns LICs e ZEPAs ou mesmo Parques Naturais. E finalmente, sinalar tamén que é unha falacia e unha falsidade que os parques de acuicultura en terra sexan empresas “non contaminantes, podendo incluso mellorar a calidade do efluente respecto do medio”, afirmación recollida na documentación dalgúns proxectos empresariais e que a D. X. de Recursos Mariños asumíu como propia no documento “INFORME DA DIRECCIÓN XERAL DE RECURSOS MARIÑOS SOBRE A DIMENSIÓN SUPRAMUNICIPAL DOS PROXECTOS SECTORIAIS DE GRANXA INTEGRAL DE CULTIVO DE PEIXES PLANOS EN COSTA GALLOUFA E DE AMPLIACIÓN DA GRANXA DE QUILMAS, PROMOVIDOS POR STOLT SEA FARM S.A.” É unha realidade, sustentada polos datos da propia administración galega (Augas de Galiza, resposta a unha solicitude de ADEGA en novembro de 2006) que prácticamente todas as instalacións -27 en total- de acuicultura industrial nas bacías de Galiza-Costa, algunha con máis de 15 anos en funcionamento carecen aínda de permiso de vertido. Este permiso é obrigatorio segundo a Lei 46/1999 de 13 de decembro, de modificación da Lei 29/1985 de Augas debe concederse con anterioridade á licenza municipal de obras e serve á administración para coñecer e monitorizar a calidade e cantidade das substancias que van ser emitidas ao medio acuático. “Artigo 9.1. As autorizacións de vertidos establecerán as condicións en que deben realizarse, na forma que reuglamentariamente se determine. En todo caso, deberán especificar as instalacións de depuración necesarias e os elementos de control do seu funcionamiento, así como os límites cuantitativos e cualitativos que se impoñan á composición do efluente o o importe do canon de control do vertido definido no artigo 105; 2. As autorizacións de vertido terán un prazo máximo de vixencia de cinco anos, renovábeis sucesivamente sempre que cumpran as normas de calidade e obxectivos ambientais esixíbeis en cada momento. En caso contrario, poderán ser modificadas ou revogadas de acordo co disposto nos artigos 96 e 97.” Deste xeito, a administración decoñece a composición e a carga contaminante dos efluentes que son xerados e vertidos por millóns de m3 anualmente nestas instalacións, sen ningún tratamento secundario. Tan són no millor dos casos unha simple decantación ou un filtrado através dunha “malla metálica de 1 mm de paso” (datos do proxecto sectorial da piscifatoría de Piñeira, Ribadeo). A propia Comisión Europea, nun documento (Decisión 1-3-2001) relativo ás axudas FEDER e FEOGA para o Programa Operativo Integrado de Galiza (2000-2006) recóllese a seguinte observación a respeito das piscifatorías galegas: "Coidar a depuración das augas das piscifatorías, a posíbel contaminación xenética e a propagación de enfermidades a outras poboacións [salvaxes]". Mesmo na memoria do presente Plano Sectorial en revisión, afírmase no apartado A.2.4 relativo aos requerimentos das instalacións de acuicultura que un dos requisitos imprescindíbeis para a ubicación destas instalacións é que (p. 33 e 34) “1.º) A zona ha de asegurar que non se produza en ningún momento o retorno da auga de saída da granxa (que tras o seu paso polas canles de distribución e polas piscinas presentan certo grao de carga orgánica) cara á columna de auga que pasa ao interior da instalación a través de tubo de captación”. Se a calidade dos efluentes é tal que milloran os parámetros de contaminación con respecto ao medio, por que “A zona ha de asegurar que non se produza en ningún momento o retorno da auga de saída da granxa” e “as correntes mariñas da zona han de ser estables e discorrer de tal modo que afasten a auga xa utilizada do punto de captación”? ADEGA encargou análises comparativas independentes dos vertidos destas instalacións (piscifatoría de Stolt sea Farm en Quilmas, Carnota) ao departamento de Enxeñería Química da Universidade da Coruña, cos seguinte resultados: Análises de dúas mostras de auga de mar entregadas por ADEGA e obtidas nos puntos de toma de auga e de vertido dunha instalación de acuicultura (as análsies realizaronse por duplicado, agás pH, e de seguido indícase o valor promedio seguido da desviación estandard).
RESULTADOS (media ± DS) Toma Vertido
pH
8,19 5,74
SST (mg/L) 350 ± 3 4850 ± 135
SSV (mg/L)
80 ± 2 3730 ± 108
NTK (mg/L)
1,33 ± 0,34 433,14 ± 13,45
DQO (mg/L)
102 ± 48 8635 ± 239
%SSV/SST
22,9 76,9
DBO (mg/l)
13 ± 4 3466 ± 230
[N-NH3] (mg/l)
0,10 ± 0,01 4,28 ± 0,13
[PO43-] (mg/l) 0,00 28,0 ± 3,9

Interpretación: SST: sólidos en suspensión totais SSV: sólidos en suspensión voláteis ( materia orgánica en suspensión) DQO: demanda química de oxíxeno ( materia orgánica total) DBO: demanda biolóxica de oxíxeno ( materia orgánica biodegradábel, consumo de osíxeno na súa degradación) NTK: nitróxeno total (nitróxeno Kjeldhal total) N-NH3: Amoníaco PO43-: Fosfatos
Dr. Manuel Soto Castiñeira, Prof. de Enxeñería Química da Universidade da Coruña. A Coruña, maio de 2007

A isto hai que engadir unha longa listaxe de produtos químicos e antibióticos usados nas diversas fases do proceso produtivo, e cuxa aplicación está moi lonxe de constituir un exemplo de boa praxe empresarial a respeito da seguranza para o medio e a saúde pública: Listaxe das principais substancias químicas utilizadas no proceso produtivo: Hipoclorito, Formol, Amonio cuaternario, Ozono, Hidróxido sódico, Tiosulfato sódico, Ácido fórmico, Tricloruro de ferro, Manganeso sulfato monohidrato, Zinc sulfato heptanidrato, Sulfato de cobre, Sulfato de cobalto, Molibdato de sodio, Fluoruro sódico, Nitrato sódico, Potasio hidróxeno ortofosfato, Ácido etildiaminotetraacético, Ácido bórico... Listaxe dalgúns antibióticos usados para tratar as enfermidades dos peixes: Flumequine, Ampicilina, Streptomicina, Furazolidona, Oxitetraciclina, Oxivirin, Furaltadona, Sulfametoxazo. Á vista destes resultados, resulta máis que evidente que estas instalacións, leitmotiv do Plano Sectorial, en absoluto contribúen a millorar o estado ambiental das zonas onde se instalan. Ben ao contrario: son unha fonte de risco biolóxico e de contaminación orgánica e química que poñen en perigo non só o bó estado ecolóxico das zonas protexidas veciñas, senón tamén os recusos pesqueiro-marisqueiros autóctonos das áreas onde se implantan.

ALEGACIÓN 4. Non contribúen ao desenvolvemento sustentábel social e económico de Galiza (art. 4º, criterio b) do Decreto 80/2000): As instalacións de acuicultura en terra empregan directamente a “525 persoas, entre personal de dirección, ventas, calidade, marketing, producción e I+D” segundo o propio documento técnico. A este respeito, datos do IGE (Instituto Galego de Estatística) de 2001 recollidos nun informe sobre Recomendacións Estratéxicas de I+D+I, falan do estado destas empresas en Galiza: "Plantillas inferiores a 50 traballadores das que máis dun terzo teñen menos de 10 empregados". Por outra banda, discrepamos das previsións de emprego contempladas no presente Plano Sectorial, calculadas dividindo a producción total actual polos postos de traballo e extrapoladas aos obxectivos de producción e expansión recollidos no presente documento. Supoñer un ratio de 1 posto de traballo por cada 11 Tm producidas e calcular 2.800 empregos para os parques proxectados é descoñecer o feito de que a acuicultura industrial é un sector cuxos procesos produtivos están altamente automatizados e que portanto, poden soportar significativos aumentos da súa superficie e producción sen precisar dun medre proporcional do persoal. Con todo, mesmo asumindo esta previsión de emprego, os obxectivos do presente Plano Sectorial resultan ridículos en comparación cos poboación directa e indirectamente ocupada no subsector da acuicultura a flote e os parques de cultivo mariños, inexplicabelmente esquecidos no presente plano, e que empregan directamente a unhas 10.000 persoas (datos de 2002). O feito de que os proxectos sectoriais derivados deste plano conten ademáis cunha subvención pública que pode acadar até o 40% do investimento total, e tendo en conta a baixa xeración de traballo e a pobre contribución económica en comparación coa explotación dos recursos autóctonos, móvenos a afirmar que a acuicultura industrial en terra en absoluto contribúe “ao desenvolvemento sustentábel social e económico de Galiza”, mais sí ao desenvolvemento das importantes plusvalías das empresas do sector, sustentadas por todos nós.

ALEGACIÓN 5. A escasa poboación beneficiaria da infraestructura, dotación ou instalación (art. 4º, criterio d) do Decreto 80/2000): Máis aló da baixa xeración de emprego, en comparación cos directamente e indirectamente vencellados á explotación dos recursos naturais e culturais autóctonos do litoral (pesca de baixura, marisqueo, acuicultura a flote, agricultura, turismo, industria conserveira, servizos, etc.), quedou xa dito que a acuicultura industrial en terra en absoluto contribúe a “millorar a xestión das pesquerías tradicionais” senón que mesmo as pon en risco. Como se pode afirmar pois que estas instalacións van a beneficiar ás poboacións asentadas nestas áreas se mesmo comprometen o seu principal medio de vida? Máis lle valería á Consellería de Pesca promover iniciativas como a de MardeLira e adicar máis recursos á preservación e fomento do aproveitamento sustentábel dos recursos autóctonos denantes de dar as costas ao noso mar e promover o cultivo dos peixes en terra. No mesmo senso, a afirmación de que o cultivo de peixes planos “favorece a diferenciación do produto da pesca extractiva, millorando a percepción de calidade polo consumidor e incrementando a súa rendibilidade”, como afirma a D. X. de Recursos Mariños no dito “INFORME DA DIRECCIÓN XERAL DE RECURSOS MARIÑOS SOBRE A DIMENSIÓN SUPRAMUNICIPAL DOS PROXECTOS SECTORIAIS DE GRANXA INTEGRAL DE CULTIVO DE PEIXES PLANOS EN COSTA GALLOUFA E DE AMPLIACIÓN DA GRANXA DE QUILMAS, PROMOVIDOS POR STOLT SEA FARM S.A.” para xustificar o interese supramunicipal dos proxectos, podería cualificarse como unha simple falacia. Dende cando o peixe de granxa é percibido como de maior calidade que o autóctono e deixa maior rendibilidade e valor engadido por unidade comercializada? Afirmacións como esa amosan ben ás claras o lonxe da realidade socioeconómica da costa galega que está a Consellería de Pesca ao propoñer esta planificación sectorial, e a súa orientación descaradamente sesgada cara os intereses das empresas do sector da acuicultura industrial.

ALEGACIÓN 6. En canto aos obxectivos fundamentais enunciados no artigo 3 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galiza, que enuncia o apartado f) do Decreto 80/2000 do 23 de marzo, a saber: “f) Calquera outro criterio que contribúa directamente ós obxectivos fundamentais enunciados no artigo 3 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia”, entendemos que polas razóns ambientais e económicas antes expostas, esta Plano sectorial incúmpre os seguintes apartados do dito artigo 3 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galiza: a) Disposición dunha axeitada estrutura espacial tendente a conseguir un equilibrado desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia procurando o máximo benestar da súa poboación ao tempo que se garante a protección e mellora do medio ambiente. b) Definición dos criterios a seguir nos asentamentos favorecendo a accesibilidade da poboación ao medio natural, mellorando as súas condicións de vida. c) Compatibilización do proceso de seguemento do sistema produtivo, da urbanización e da ordenación turística coa racional utilización dos recursos naturais, sobre todo no referente ao litoral, aos recursos hidráulicos e á paisaxe. Xa que logo, e tendo en conta tamén o apartado 3 do artigo 5º do Decreto 80/2000 do 23 de marzo polo que se regulamentan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal en relación con outros instrumentos de ordenación do territorio e coa lexislación urbanística, a saber: 3. No solo rústico de especial protección quedan prohibidas as actuacións que resulten incompatibles cos seus valores ecolóxicos, ambientais, paisaxísticos, históricos, etnográficos, culturais ou calquera outro que sexa obxecto da protección outorgada ou coas proteccións derivadas da lexislación sectorial de aplicación. Resulta pois evidente que o vixente Plano Sectorial, ao ocupar espazos catalogados como chan rústico de especial protección, imcumpre a finalidade indicada no presente artigo por resultar incompatíbeis algunhas das actuacións propostas cos valores ecolóxicos, ambientais, paisaxísticos, históricos, etnográficos e culturais destes espazos.

A respeito dos criterios de aceitación e rexeitamento tanto para a ampliación das instalacións existentes como para as propostas de novos parques, xurdidos ao abeiro deste Plano Sectorial, ADEGA propón a seguintes modificacións: Encol dos criterios de rexeitamento e aceitación das instalacións existentes:

ALEGACIÓN 7. Dentro dos criterios medioambientais, e ao igual que para os parques de nova criazón, deberíanse incluir como criterio de exclusión as paisaxes singulares ou de especial relevancia (criterio 1a). Tendo en conta que algunhas instalacións xa existentes se sitúan en espazos protexidos ou en contornos de alto valor paisaxístico, cómpre valorar a afección sobre este recurso como unha limitación á hora de autorizar eventuais ampliacións. Considerando ademáis que está en proceso de elaboración a futura Lei da Paisaxe de Galiza, compriría incluir as posíbeis afeccións paisaxísticas como criterio limitante non só dos parques de nova criazón, senón tamén dos xa existentes.

ALEGACIÓN 8. Dentro dos criterios medioambientais, faise referenza no apartado 1b) aos espazos da Rede Natura con hábitats naturais prioritarios. Consideramos que como criterio de exclusión debería contemplarse a totalidade da Rede Natura 2000 en Galiza, actualmente ZEPVN (Decreto 72/2004), estén ou non presentes hábitats prioritarios. Esta consideración sí se recolle para os parques de nova criazón, e non vemos razón para que nas eventuais ampliacións se restrinxa a protección aos hábitats prioritarios. Os hábitats e especies prioritarios así como o resto de hábitats e especies que figuran nos anexos da Directiva 92/43 CEE (Directiva de Hábitats) son recoñecidos (arts. 1c e 2) como de interese comunitario, e calquera actuación sobre estes espazos require “razóns imperiosas de interese público de primeira orde” e sempre que non existan “solucións alternativas” (art. 6.4). Restrinxir os criterios de exclusión só a aquelas ZEPVN con hábitats prioritarios supón recoñecer de xeito automático que a ampliación das instalacións de acuicultura industrial constitúe unha actuación de “imperioso interese público”, o que contadí o espírito e a letra do artigo 6 puntos 1, 2 e 3 da dita Directiva 92/43 CEE.

ALEGACIÓN 9: Con carácter xeral deberían incluirse tamén como criterios de rexeitamento, tanto para a ampliación de instalacións existentes como para os novos parques, a afección a espazos naturais protexidos, calisquera que sexa a súa categoría, segundo o disposto na Lei 9/2001 de Conservación da Natureza. A este respeito, e dacordo cos apartados 1 e 2 do artigo 4, letras d) e f) do artigo 5 e apartados 1, 2 e 3 do artigo 31 da Lei de Conservación da Natureza, a criazón de parques de tecnoloxía alimentaria nos espazos protexidos do litoral galego debería supeditarse ao que marquen os Plans de Ordeamento dos Recursos Naturais (P.O.R.N.) e/ou os Plans de Conservación (P.C.) pendentes de elaboración e aprobación na maioría dos espazos naturais protexidos susceptíbeis de acoller instalacións de acuicultura. Neste senso, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos debería agardar cando menos a que se elaboren ditos P.O.R.Ns e P.Cs denantes de declarar sistemáticamente compatíbeis “de facto” os parques de acuicultura con espazos protexidos “ex-Rede Natura”. A este respeito, son ben claros os apartados 2, 3 e 4 do artigo 6 da citada Lei ao estableceren que: “2. Os plans de ordenación dos recursos naturais serán obrigatorios e executorios en todo o que afecte á conservación, protección ou mellora da flora, a fauna, a xea, os ecosistemas, a paisaxe e os recursos naturais.” 3. Os plans de ordenación dos recursos naturais aos que se refire a presente Lei prevalecerán sobre calesquera outros instrumentos de ordenación territorial ou física, constituindo as suas disposicións un límite para estes, cuxas determinacións no poderán alterar ou modificar aquelas e se aplicarán, en todo caso, prevalecendo sobre os instrumentos de ordenación preexistentes.” 4. As previsións dos plans de ordenación dos recursos naturais terán carácter vinculante para calesquera outras actuacións, plans ou programas sectoriais en todas as materias ás que se refire o apartado 2 do presente artigo e revestirán carácter indicativo en todo o demáis”. Tamén son claros os apartados 1 e 2 do artigo 37 e 39 da mesma Lei cando dispoñen que: “37.1. Os plans de conservación establecerán o rexime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo”; 37.2. A aprobación destes plans terá lugar nun prazo non superior aos dous anos dende a declaración do espazo natural como protexido.” 39. Os plans de conservación serán vinculantes, tanto para as Administraciones Públicas como os particulares, prevalecerán sobre o planexamento urbanístico e a súa aprobación conlevará a revisión dos plans territoriais ou sectoriais incompatibles cos mesmos”. Polo mesmo, deberiase extenter a cautela, e portanto excluir desta planificación sectorial ás eventuais zonas de amortecemento que determinen os respeitivos PORNs e PCs. Alén disto, atópase en fase de discusión e redacción o documento de síntese do Plano Director de Conservación da Rede Natura 2000 de Galiza (PDCRNG) que “establecerá un conxunto de medidas de planificación e xestión para os lugares que integran a Rede Natura 2000 na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de asegurar o mantemento nun estado de conservación favorable dos hábitats do Anexo I da DC 92/43/CEE e dos hábitats das especies silvestres de flora e fauna establecidas nos Anexos II, IV, V da DC 92/43/CEE e no Anexo I da DC 79/409/CEE. Medidas orientadas a evitar que nos devanditos lugares, e as futuras zonas especiais de conservación (ZEC), se produzan alteracións ou deterioracións significativas no que respecta aos obxectivos de conservación contemplados en ambas as dúas directivas europeas.” Este documento pretende ser o marco de referenza para ordenar as actividades e os aproveitamentos sustentábeis na Rede Natura galega, e calquera actuación nestas áreas debe estar supeditada ao indicado no PDCRNG. Non pode ser de recibo que a planificación sectorial que se nos presenta planifique intervencións sobre espazos protexidos ou que poden afectar a estes, carecendo a maioría dos LICs e ZEPAS de PORN e PC e sen ter en conta as consideracións que recollerá o PDCRNG. A este respeito, cómpre lembrar tamén o recollido pola Directiva 92/43 CE (de Hábitats) no seu artigo 6: ”3. Cualquier plan o proyecto que, sin tener relación directa con la gestión del lugar o sin ser necesario para la misma, pueda afectar de forma apreciable a los citados lugares, ya sea individualmente o en combinación con otros planes y proyectos, se someterán a una adecuada evaluación de sus repercusiones en el lugar, teniendo en cuenta los objetivos de conservaciónn de dicho lugar. 4. […] En caso de que el lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural y/o una especie prioritarios, únicamente se podrá alegar consideraciones relacionadas con la salud humana y la seguridad pública, o relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para el medio ambiente, o bien, previa consulta a la Comisión, otras razones imperiosas de interés público de primer orden.” 

ALEGACIÓN 10: Ao igual que ocorre cos novos parques, deberían contemplarse tamén como factores de exclusión, alén dos medioambientais, outros de índole social. Deste xeito, engadirianse alén das cautelas relativas ao aproveitamento turístico, aqueloutras derivadas dos usos e actividades tradicionais tanto no mar (pesca e marisqueo) como en terra (producción agrícola ou gandeira de calidade) directamente vencellados a unha explotación sustentábel e autocentrada das potencialidades naturais do contorno, así como a posíbel afección a elementos patrimoniais ou etnográficos senlleiros.

A respeito dos criterios de aceitación e rexeitamento para os parques de nova criazón, ADEGA propón a seguintes modificacións:

ALEGACIÓN 11. Dentro dos criterios de rexeitamento ambientais deberianse incluir con carácter xeral, alén dos espazos da Rede Natura, aqueles que gocen dalgunha protección ambiental segundo a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza, tal como se recolle na alegación 9.

ALEGACIÓN 12. Con respeito ao apartado 1c dos criterios de rexeitamento para os novos parques, as afeccións puntuais permitidas nos espazos protexidos deberían estar supeditadas ao fixado polos respeitivos PORNs e/ou PRUXs, dado que a planificación sectorial se somete obrigatoriamente ao disposto na Lei 9/2001 de Conservación da Natureza. Por este motivo entendemos que non pode falarse de posíbeis excepcións para o caso de afeccións concretas (bombeos e tubos) polo que solicitamos a retirada deste parágrafo dos criterios de rexeitamento ambientais.

ALEGACIÓN 13. Incluir entre os factores de exclusión de índole social un novo apartado (4c) referente aos usos e actividades tradicionais tanto no mar (pesca e marisqueo) como en terra (producción agrícola ou gandeira de calidade), directamente vencellados a unha explotación sustentábel e autocentrada das potencialidades naturais do contorno, así a posíbel afección a elementos patrimoniais ou etnográficos senlleiros.

ALEGACIÓN 14. Deberiase establecer unha separación mínima entre instalacións de acuicultura, como figuraba no primeiro borrador do documento de modificación do vixente Plano Sectorial. Esta distancia non debería ser inferior aos 5 km en liña recta sobre o mar para previr as posíbeis sinerxias negativas de parques relativamente próximos. Asemade, e a respeito das zonas turísticas e dos elementos do patrimonio histórico catalogados ou inventariados, a separación non debería ser inferior a 1000 m en liña recta sobre o mar.

Para calquera instalación de acuicultura industrial en terra existente ou de nova criazón:

ALEGACIÓN 15: Entre os criterios de exclusión, deberiase incluitr un novo apartado de consideracións técnico-biolóxicas que recollera a obrigatoriedade de realizar un tratamento secundario dos efluentes do proceso produtivo coa intención de diminuir a carga orgánica a valores previamente fixados polo órgano ambiental e axeitar a temperatura de saída das augas á propia do medio mariño. O alto risco de contaminacion orgánica (eutrofización, parasitismo das especies salvaxes e contaminación xenética) xerada polos os efluentes das piscifatorías motivou que a CE esté a valorar incluir esta actividade (Comunicación da Comisión sobre a estratexia para o desenvolvemento sustentábel da acuicultura europea COM/2002/0511 final) na directiva sobre nitratos (91/676/CE) e na Directiva IPPC 96/61/CE. Debería exixirse pois unha monitorización en tempo real de certos parámetros físico-químicos aliás da materia organica na saída posterior a depuración, así como o seguemento periódico das comunidades animais e vexetais veciñas á saída dos efluentes. A este respeito e como xa se ten dito, o organismo autónomo Augas de Galiza confirmou que 27 instalacións de acuicultura situadas no territorio da súa competencia, algunhas con máis de 15 anos en funcionamento, carecen aínda de permiso de vertido. Regularizar esta situación é unha condición sine qua non previa ao desenvolvemento dun novo Plano Sectorial.

ALEGACIÓN 16: Neste mesmo senso, debería ser obrigatorio a adopción de medidas complementarias encamiñadas a garantir a seguridade ambiental e a minimizar o risco de inmisión de contaminantes químicos e biolóxicos no medio, tais como a proibición de cultivar de peixes exóticos ou transxénicos. Asemade, debería priorizarse a instalación de piscifatorías cun réxime de producción baseado na utilización de circuitos fechados de auga de mar, fronte ás que usan sistema de fluxo continuo ou lineal.

ALEGACIÓN 17: Tanto para os casos de ampliación de instalacións existentes como para a autorización doutras novas, e en concordancia co recollido no artigo 25 da Lei 22/1988 de Costas, debería estas excluida de calquera ocupación física a zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre. Nesta liña se ten manifestado recentemente o Ministerio de Medio Ambiente a respeito da revisión das concesións de acuicultura en zona de servidume.

Por todo o anterior, a Asociación parta a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) solicita que se teñan en conta as anteditas alegacións ao documento apresentado, de cara á redacción dun novo Plano Galego de Acuicultura. E como consecuencia do alegado, solicitamos a retirada desta proposta de Plano Sectorial e a derogación do aínda vixente Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2007

Asdo. Fins Eirexas, Secretario Executivo de ADEGA

< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
ADEGA