|
Nova tala de árbores autóctonas no barrio da Abella |
|
|
Lugo, 25 de agosto de 2007. Onte, venres pola tarde, veciños do barrio de Abella e Casas xunto con ADEGA veñen de denunciar unha nova tala de árbores no concello de Lugo. Nas inmediacións das antigas instalacións de FRIGSA, onde quedaban os derradeiros carballos asociados a vellos camiños e lindeiros de fincas foron cortadas ao redor dunha trintena de exemplares. Membros de ADEGA solicitaron a presenza do policía local para que se comprobara se os operarios contaban con todas as licenzas necesarias para a tala. Nese momento foron detidos os traballos por membros da policía.
Dende ADEGA estamos comprobando como o desenvolvemento insustentable do urbanismo de Lugo está rematando con todo vestixio natural representado nas árbores e o seu contorno dentro do que se pode considerar o recinto urbano de Lugo. A propia veciñanza pode comprobar que as urbanizacións, novos edificios e calquera outra infraestrutura como a viaria supón a desaparición dos espazos máis ou menos naturais cos que conta o concello de Lugo. Todos eles serán substituídos por xardíns con magnolios raquíticos ou plantacións dalgunhas árbores bonsais nas medianas ou na zona de aparcadoiro dos vehículos. Paralelamente, a propia cidadanía decátase como os barrios estanse a quedar sen lugares naturais ou zonas de esparcemento ou de disfrute. Agora estes espazos son substituídos polo cemento ou polos paseos á beira de avenidas ou estradas. E disto xa saben os veciños do Castiñeiro, de Lamas de Prado e a Abella. A antiga carballeira e souto da Chousa foi substituída por novos edificios de 6 plantas como mínimo mentres que os centenarios castiñeiros fican arrinconados nas medianas das rúas ou do formigón da pequena zona de xogos. Dende ADEGA DENUNCIAMOS e esiximos unha vez máis que dende o concello se tomen as medidas necesarias e urxentes a través, por exemplo, do novo Plan de Urbanismo que sexan protexidas todas as carballeiras ou soutos así como os espazos naturais do concello de Lugo para que a construción non remate co noso patrimonio e, pola contra, se adapte á nosa cada vez menor riqueza natural e cultural. |