1 de agosto de 2007. A D. X. de Costas, dependente do Ministerio de Medio Ambiente, está promovendo actuacións agresivas no litoral de Carnota. Trátase dun paseo marítimo na praia do Pindo que está a degradar a área dunar e o esteiro. Pretende ser unha “rehabilitación do borde marítimo”, que traducido significa a construcción dun paseo a base de aterros sobre a duna e o esteiro. E todo promovido pola propia administración e financiado con cartos públicos, teóricamente destinados á protección do medio. Sres. de Costas: para isto, millor non facer nada.
Esta aberrante obra estase a realizar sen ningún tipo cautelas e consideracións co valor ambiental da zona. Sería admisíbel e mesmo recomendábel nalgúns casos a construcción de pasarelas elevadas de madeira para o tránsito dos usuarios/as e o acceso á praia do Pindo. Pero este tipo de intervencións deberían facerse evitando o impacto ambiental e nunca mediante aterros e introducción de maquinaria pesada nas dunas. No entanto, as obras consistiron na construcción dunha pista dentro da área dunar, a utilización de grandes bloques de granito e o uso de maquinaria pesada. E todo isto promovido polo organismo encargado de protexer o noso litoral, nomeadamente de agresións como esta. Nos últimos tempos, a Dirección Xeral de Costas do Estado ten dado coas súas actuacións unha de cal, ou millor dito unha de cemento e outra de area. Intervencións como a repoboación das dunas no Ézaro (Dumbría) coa especie invasora Carpobrotus edulis, ou a construcción dun “chiringuito” dentro da franxa de protección do litoral en Valdoviño, son a cara escura dunha política ambiental errática e por veces contraditoria. Aínda que pode resultar paradóxico ter que denunciar á propia administración ambiental ante o SEPRONA, esta é a única opción para ADEGA con vistas a deter estas actuacións. Neste senso, ADEGA esixe a redefinición do proxecto, a reposición dos hábitats afectados e a depuración das respeitivas responsabilidades. Finalmente, ADEGA informará ao Ministerio de Medio Ambiente destas e outras polémicas actuacións levadas a cabo pola Demarcación de Costas en Galiza, para que “erros” coma este non se volvan a repetir. |