Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Novas arrow Novas de ADEGA-Lugo arrow ADEGA denuncia a perda da carballeira de San Fiz
ADEGA denuncia a perda da carballeira de San Fiz Imprimir E-mail
sanfiz.jpg27 de xullo de 2007. Outra volta temos que denunciar a perda de valiosos elementos do patrimonio natural de Lugo: ás talas de carballeiras ou árbores representativas do concello de Lugo como Ombreiro, Meilán, Poutomillos, San Xoán do Alto, Bazar, Nadela, ou na mesma cidade a Selva de Albeiros onde agora se instala Eroski; a Fervedoira, o Rei Chiquito... denunciadas ante o concello, SEPRONA ou as delegacións da Xunta de Galiza, hai que engadir agora a carballeira de San Fiz, un espazo de uso público, con exemplares máis que centenarios, na que os veciños de San Fiz celebraron até hai pouco as súas festas tradicionais. 
 

  Por máis que se nos poda decir que esta carballeira estaba cualificada como SOLO URBANIZABLE NON PROGRAMADO (nun planexamento que ven de 1.992), non se pode entender que, no momento de deseñar o desenvolvemento urbanístico desta unidade de actuación, nada se fixese por salvar esta carballeira centenaria incorporándoa como zona verde da nova urbanización: se non existe para elo ningún impedimento legal; se, ademáis, viría a poñer en valor a calidade urbanística de toda a zona, só a permisividade, -cómplice ou non-, do governo municipal coa especulación urbanística máis desmesurada pode explicar hoxe a desaparición desta carballeira que ben merecía figurar no Catálogo de Árbores Senlleiras recentemente aprobado pola Xunta de Galiza.
  Dende ADEGA, a desaparición desta carballeira de uso público non fai máis que mostrar, unha vez máis, a falta de sensibilidade deste governo municipal cara esta e outras masas forestais do noso entorno municipal e urbano. Pero esta situación, grave dende calquer punto de vista, vai empeorar aínda máis se temos en conta ás previsións que emanan do novo PXOM que o alcalde e o equipo de goberno viñeron de confeccionar.
  Dende ADEGA, no seu momento, xa se presentaron as alegacións pertinentes non só en relación ás carballeiras de San Fiz, senón tamén a outras moitas que hoxe en día están ameazadas polo tipo de urbanismo prantexado dende o goberno municipal. Estamos a falar de árbores emblemáticas ou carballeiras situadas en Albeiros, Gándaras, Montirón e San Fiz, Bosende, San Lázaro, Rego do Espiño, Rolda do Carme e Camiño dos Hortos, Nadela, Galegos e Castelo ou a zona da Fervedoira e Sagrado Corazón, Acea de Olga, así como a zona do novo Hospital ou as Saamasas por sinalar só algunhas das máis próximas á cidade. A estas alegacións aínda non se deron contestación e moito nos tememos que non se terán en conta as suxestións que dende ADEGA se plantexaron que non foron outras que as de incluír todas as carballeiras sinaladas como zonas verdes de protección incluídas aquelas asociadas aos cursos de auga, sinalando mesmo a posiblidade da súa compra.
  Por outra banda solicitamos a anulación daqueles proxectos urbanísticos (numerosos) ou infraestruturas (autovía pola outra beira do Miño) que supuxeran un atentado tanto a estas masas arbóreas como á configuración dos núcleos das paisaxes e dos usos rurais.
  Dende ADEGA denunciamos a actitude do concello de Lugo de insensibilidade e inactividade total ante estas agresións ao medio ambiente, xa que actualmente e dende o noso punto de vista o propio concello é o principal agresor do noso entorno. Agardamos unha vez máis, un cambio de rumbo dende o concello e que aquelo que utiliza como medio de propaganda, a Axenda 21 local, se convirta dunha vez, nun instrumento de planificación sustentábel.
< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
Adega