Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Residuos/Contaminación arrow A Contaminación Electromagnética: Unha ameaza para a nosa saúde
A Contaminación Electromagnética: Unha ameaza para a nosa saúde Imprimir E-mail

A contaminación electro-magnética xorde nos países industrializados como consecuéncia do uso cada vez maior de aparellos e instalacións rádio-eléctricas. A proliferación incontrolada destes elementos, próprios da sociedade do consumo e da información, fai que estexamos baixo a constante influéncia de campos eléctricos e radiacións electro-magnéticas, que contribúen á deterioración da nosa cualidade de vida.

 

torres.jpgA crecente preocupación ambiental da poboación demanda das institucións públicas e da comunidade científica unha maior e máis fiábel información encol dos efeitos destas radiacións nos seres vivos, exixindo-lles que adopten medidas para que o uso destas tecnoloxias resulte inócua.

Mais como veremos, son muitos os intereses que fomentan o uso case descontrolado de todo este artifício tecnolóxico, fóra dos propriamente públicos e de servizo social. A presión de importantes lobbys económicos fai moi difícil abordar o tema dende posicións independentes, polo que frecuentemente a obxectividade científica e a seguridade cidadá fican nun segundo plano en favor das cuestións económicas. Deste xeito, algúns organismos estabelecen límites de toleráncia moi permisivos, relativizando estudos científicos e desouvindo recomendacións sanitárias, para tentar minimizar os posíbeis efeitos negativos da contaminación electro-magnética.

AS RADIACIÓNS ELECTRO-MAGNÉTICAS

Os campos e radiacións electro-magnéticas (CEM) teñen a mesma natureza que a luz, mais son invisíbeis para os humanos, xa que caen fóra do rango da nosa percepción sensorial. Os seus efeitos sobre os seres vivos son, porén, perfeitamente reais e medíbeis: segundo sexa a sua frecuéncia e intensidade produciran-se diferentes tipos de interaccións.

A este respeito, e cando se estudan os efeitos biolóxicos destas emisións, cómpre distinguir dúas castes de radiacións: as ionizantes e as non-ionizantes. As ionizantes, debido á sua alta enerxia, desprazan electróns en átomos e moléculas, producindo cámbios susceptíbeis de provocaren lesións nos tecidos biolóxicos e mutacións no ADN. As radiacións ionizantes comezan no ultravioleta (UV) duro e inclúen os raios X e raios gamma ().

As radiacións non-ionizantes posuen enerxías máis baixas, non chegando a alterar os átomos e as moléculas. A este grupo pertencen os UV brandos, a luz visíbel, os infra-vermellos (IR), as micro-ondas (MW), as rádio-frecuéncias (RF) e as frecuéncias ultrabaixas (FEB). É dentro deste conxunto onde se encadran as radiacións producidas polas liñas de alta tensión, aparellos eléctricos e teléfonos móbeis, principais causantes da contaminación electro-magnética.

CLASIFICACIÓN DAS RADIACIÓNS NON IONIZANTES (CEM)

No noso entorno hai dous grandes grupos de fontes de exposición a campos electromagnéticos e, polo tanto, de contaminación asociada:

1. As que xeran campos de frecuéncia entre 0 Hz (Hertz) e 3 kHz (kiloHertz), isto é, campos estáticos, ELF (Extremely Low Frequence) ou FEB (Frecuéncias Extremadamente Baixas), producidas polos seguintes procesos e aparellos

  • Campos estáticos (0 Hz): Aparellos de resonáncia magnética para a diagnose médica, detectores de metais, e todos aqueles que funcionen con potentes imáns, coma trens de levitación magnética.
  • De 30 a 300 Hz (FEB): Trens eléctricos, e equipas que xeren, transporten ou utilicen enerxia eléctrica doméstica, liñas de alta e meia tensión e a maioria dos aparellos electro-domésticos. Eis a principal fonte de contaminación por F.E.B a frecuéncias de 50/60 Hz.
  • De 300 Hz a 3 kHz: Cociñas de indución, soldadores de arco.

2. As fontes de rádio-frecuéncias (RF) e micro-ondas (MW), próprias das emisións de rádio e TV, dos telefones móbeis e antenas de telefonia, radares e outros, que xeran campos de entre 3 kHz e 300 GHz (GigaHertz):

  • De 3 kHz a 30 kHz (VLF): Antenas de rádio-navegación e rádio-difusión, monitores de ordenador, algúns sistemas anti-roubo.
  • De 30 kHz a 300 kHz (LF): Pantallas e monitores de televisión, antenas de rádio-difusión, comunicacións mariñas e aero-náuticas, rádio-localización.
  • De 300 kHz a 3 MHz (MegaHertz) (HF): Rádio-telefones mariños, radio-difusión AM, termo-seladoras.
  • De 3 MHz a 30 MHz: Antenas de rádio-afeccionados/as, termo-seladoras, algúns aparellos médicos (diatérmia cirúrxica) e certos sistemas anti-roubo.
  • De 30 MHz a 300 MHz (VHF): Antenas de rádio-difusión FM, antenas de estacións de televisión.
  • De 300 MHz a 3 GHz (UHF): Telefones móbeis, antenas de estacións base de telefonia móbil, fornos de micro-ondas. Esta é a principal fonte de contaminación por rádio-frecuéncias e micro-ondas.
  • De 3 GHz a 30 GHz (SHF): Antenas de comunicación via satélite, radares e enlaces por micro-ondas.
  • De 30 GHz a 300 GHz (EHF): Algúns aparellos de rádio-navegación e radares.

EFEITOS BIOLÓXICOS DAS RADIACIÓNS NON IONIZANTES

Os efeitos que as radiacións non-ionizantes teñen sobre os seres vivos poden-se clasificar en térmicos e non térmicos. Os primeiros están relacionados cun incremento local da temperatura nos tecidos vivos provocados por determinadas rádio-frecuéncias e micro-ondas. Os efeitos non térmicos refiren-se á influéncia das radiacións en determinados procesos bioquímicos e fisiolóxicos, e á interferéncia das correntes inducidas por campos de FEB (Frecuéncias Extremadamente Baixas) en alguns procesos bioeléctricos.

De seguido, imos avaliar a intensidade da contaminación electro-magnética e os efeitos biolóxicos provocados polas RNI, atendendo ás duas principais fontes de emisión: Os electrodomésticos e liñas de condución eléctrica (produtores de FEB), e os teléfones móbeis e antenas de telefonia (fontes de micro-ondas - MW).

AS LIÑAS ELÉCTRICAS. CARACTERÍSTICAS E PRINCIPAIS FONTES DE FRECUENCIAS EXTREMADAMENTE BAIXAS (F.E.B.)1

As cargas eléctricas xeran campos eléctricos ao seu redor. Á sua vez, o movimento destas cargas através dun condutor xera un campo magnético cuxa intensidade é proporcional á da corrente que circula. Sempre que unha persoa se atope perto dunha instalación ou aparello que funcione con electricidade estará sometida a un campo eléctrico e a un campo magnético. Os campos eléctricos meden-se en kV/m (kiloVolt por metro), diminuen coa separación da fonte e ven-se atenuados pola matéria, polo que é doado apantallá-los. Os campos magnéticos tamén rebaixan a sua intensidade coa distáncia, mais atravesan os materiais, polo que o seu apantallamento é practicamente imposíbel. Por isto, a maioria de estudos centran-se máis nos efeitos dos campos magnéticos que nos eléctricos. As unidades de utilización máis frecuentes son T (microTeslas) ou mG (miliGauss), 1T = 10 mG.

  • Nos núcleos habitados, baixo as liñas de transmisión do tendido aéreo urbano os campos eléctricos e magnéticos poden acadar os 12 kV/m e os 30 T, respetivamente. Nas inmediacions das estacións e sub-estacións xeradoras, estes valores poden chegar a ser de 16 kV/m e 270T.

  • Nas vivendas, a intensidade destes campos dependerá de factores como a distáncia ás liñas de suministro, o número e tipo de aparellos que se usen, ou a configuración e situación do cableado na vivenda. A maioria dos electrodomésticos non superan os 0,5 kV/m e os 150 T, mais estes níveis poden ser maiores a curta distáncia, diminuindo ao afastar-se.

  • Os traballadores e traballadoras poden estar espostos a intensidades variábeis: Nas estacións xeradoras de electricidade poden-se submeter a campos maiores de 25 kV/m e 2000 T. Perto dos fornos de indución e as baterias electrolíticas poden existir campos de 50.000 T. Nos traballos de soldadura o campo magnético pode chegar até 130.000 T. Nas oficinas a exposición é máis baixa, e provén fundamentalmente do uso de fotocopiadoras e monitores de vídeo.

BIOEFEITOS RELEVANTES E EPIDEMIOLOXIA DAS FRECUÉNCIAS EXTREMADAMENTE BAIXAS (F.E.B.)

As evidéncias científicas dos efeitos biolóxicos e da influéncia dos campos FEB sobre a saude son muitas, e comprenden estudos tanto “in vitro” como “in vivo” en animais e humanos. Deste xeito, pode-se constatar que en determinados experimentos e baixo certas condicións, inducen-se os seguintes efeitos biolóxicos:

  • Efeitos sobre o sistema nervoso: Están relacionados coa interacción dos campos eléctricos e magnéticos no sistema nervoso. As manifestacións biolóxicas detectadas poden orixinar dende respostas fisiolóxicas até efeitos nocivos, dependendo das características e a intensidade do campo. Entre outros, producen-se os seguintes cámbios:

    • No comportamento a as reaccións funcionais de todo ou parte do organismo2.

    • Bioquímicos nas neuronas.

    • Na condución do impulso nervoso.

    • Variacións e alteracións dos níveis de neuro-transmisores e neuro-hormonas.

Os dados poñen de manifesto que o sistema nervoso é relativamente sensíbel a exposicións prolongadas e FEB intensos.

Asimesmo, estudos epidemiolóxicos recentes3 revelaron unha tendéncia ao incremento do risco dalgunhas enfermidades neuro-dexenerativas (Alzheimer e esclerose múltiple), en traballadores de empresas e indústrias relacionadas coa xeración e distribución de enerxia eléctrica.

  • Cámbios nos ritmos biolóxicos: Relacionados coa diminución da secreción da hormona melatonina e o controlo dos ritmos biolóxicos. Este é un aspecto importante por canto a presenza desta hormona influe no desenvolvimento dalgúns tumores, detectando-se baixos níveis de melatonina nalgúns doentes de cancro. Tamén se considera probado que en determinadas circunstáncias certos campos intensos poden alterar o relóxio biolóxico en mamíferos.

  • Desenvolvimento embrionário: Actualmente non hai dúvidas de que a embrioxénese de diversas espécies de vertebrados pode ser alterada baixo determinadas condicións por campos FEB4. Segundo diversos estudos a partir de 0,1 T xa existe risco biolóxico, especialmente para os fetos, con potenciais efeitos teratóxenos (abortivos).

No 1992, o Instituto de Seguridade e Hixiene no Traballo de Finlándia comparou exposicións a campos magnéticos producidos por monitores de computador, observando que as mulleres preñadas expostas a campos de 0,3 T tiñan un risco 3 veces maior de abortaren espontaneamente que baixo campos de 0,1 T. A norma SWEDAC (Suécia) limita a emisión dos computadores a un máximo de 0,25 T a 50 cm da pantalla, norma aceitada por todos os fabricantes informáticos.

  • Cancro en animais: Tende a considerar-se os campos FEB como promotores dos procesos tumorais, acelerando o crescimento ou impedindo a morte das células con dano xenético. En xeral, entre vários estudos, aqueles que revelaron un efeito carcinóxeno5 correspondian a tumores de pel ou mama, en animais expostos a campos moi intensos (de até 2000 T). Outros traballos6 tamén amosaron unha tendéncia ao incremento na taxa de desenvolvemento tumoral en ratos expostos a campos febles.

  • Procesos tumorais en humanos: Xa en 1979, Wertheim e Leeper foron os primeiros en suxerir unha asociación entre C.E.M. en xeral e cancro. Neste traballo observou-se que os nenos e nenas considerados altamente expostos tiñan duas veces mais risco de desenvolveren leucémia que outros menos expostos.

No 1998 o National Institute of Environmental Health Sciences (NIEHS) dos EEUU rematou o programa quinquenal RAPID, no que reproduciron e ampliaron diversos estudos que reportaban efeitos posibelmente nocivos, e se realizaron novas probas para determinar se a exposición aos campos FEB afectaba nalgun aspecto á saude. Baseando-se en critérios estabelecidos polo Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro (CIIC), o cadro internacional de expertos concluiu que os campos FEB debian considerar-se como un "posíbel carcinóxeno humano". A decisión do NIEHS fundaba-se na concordáncia de certos estudos epidemiolóxicos, segundo os cais en vivendas achegadas a liñas eléctricas parecia existir un maior risco de leucémia infantil.

Os dados sobre riscos de cancro asociados á exposición a campos ELF en persoas que viven na veciñanza de liñas de distribución eléctrica amosan unha aparente consisténcia, revelando un moderado incremento na incidéncia de leucémia en nen@s. Nestes estudos atopou-se que nenos e nenas expostos cronicamente a campos de 0,4 T ou máis apresentaban unha probabilidade de desenvolver leucémia o dobre da observada en suxeitos non expostos, ou expostos a níveis máis baixos7. Como xa se publicou no 19928 a esposición a un campo magnético de 0,3 T, pode incrementar o risco de patoloxias dexenerativas (leucémia infantil e cancro de cerebro), nun 250%, e a partir de 0,3 T aumenta máis do 450%.

Incluir cadro 3. Texto pé: Resultados de 21 estudos que avaliaron a asociación entre exposición a CEM de frecuéncia moi baixa (FEB) e o risco de leucémia infantil.

Incluir cadro 4. Texto pé: Resultados de duas análises conxuntas de estudos de leucémia en nenos e nenas expostos a FEB, en función dos níveis de exposición (en microTeslas). Riscos relativos (RR) e intervalos de confianza (IC) ao 95%. Un RR de 1,5 cun IC do 95% representa un aumento do risco do 50%.

Existen tamén dados sobre incrementos no risco de outros tipos de cancro, tais como tumores do sistema nervoso, cancro de mama entre traballadores/as (cunha incidéncia significativa nos homes) expostos cronicamente a campos relativamente intensos9, e cancro de testículos.

  • Outras patoloxias: Hiper-sensibiliade electro-magnética e anémia funcional: Algunhas persoas alegan sofrer reaccións adversas que atribuen á exposición a campos electro-magnéticos (hiper-sensibilidade): Os síntomas son dolores inespecíficos, suores, fadiga, disestésias, palpitacións, dificuldades respiratórias, insómnio e depresión, entre outros.

A anémia funcional ou pseudo-deficiéncia en ferro consiste nunha diminución deste elemento no sangue ralacionada coa exposición a FEB producidos por liñas de condución eléctrica. Este fenómeno foi descrito nunha vila francesa en persoas que vivian baixo tendidos de alta tensión. Xunto con esta deficiéncia, as persoas apresentaban tamén outros trastornos coma fatiga crónica, insómnio (especialmente infantil), hiper-nervosismo, baixa tensión, ansiedade-depresión, mareos e problemas de visión. Os responsábeis do estudo10 sosteñen que os campos de FEB poden modificar o metabolismo do ferro en poboacións sometidas a 0,2 T ou máis.


< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
ADEGA