| ADEGA, Ridimoas e organizacións sociais rexeitan unha xestión centralizada para os RSUs do sur |
|
|
![]() 1 de abril de 2007. Este sábado 31 en Ribadavia presentouse ao público a proposta dunha central de tratamento de residuos que se vai ubicar no concello de Carballeda de Avia, en plena zona vitivinícola. Nestas instalacións trataranse os refugallos urbanos e industriais do sur de Galiza, repetindo o modelo centralizado de SOGAMA e incumprindo como aquel o Principio de Proximidade, que obriga a tratar os refugallos o máis perto posible a onde se xeneran. A este respeito, o Foro Social “Temos Dereito a Saber” no que esta integrada ADEGA e Ridimoas, queren facer público o seguinte COMUNICADO: Manifestamos a nosa preocupación pola instalación na Comarca do Ribeiro dun gran Parque Empresarial específicamente adicado á reciclaxe e recollida de lixo procedente da Galiza Sur. Está previsto que cheguen ao parque cerca de 2 millons de Tm de residuos industriais e cerca de medio millón de residuos sólidos urbanos (RSU), en definitiva, os residuos de todo o sur de Galiza. Consideramos que nunha comarca tan rica en producción agraria, onde o viño alcanza a sua máxima calidade (o ribeiro foi nomeado mellor viño de Galiza nas catas oficiais de viños da Xunta dos tres últimos anos), e tan rica en oferta turística de calidade (casas rurais, balnearios, etc.) unha industria deste tipo vai representar unha merma nos seus recursos económicos tradicionais. O tratamento dos residuos é necesario para solucionar o problema do lixo, tanto de orixe urbana como industrial e sanitaria. Mais non dun xeito centralizado. Muitos dos residuos que se prevé tratar neste parque, a saber: aceites minerais, disolventes, metais pesados, ácidos e bases…, segundo figura no documento entregado ao público pola Conselleria de Medio Ambiente, teñen o calificativo de tóxicos ou perigosos. Nós, dende o Foro Social e as asociacións ecoloxistas, rexeitamos a ubicación do Parque nesta zona por: 1.- A cercanía das instalacións a núcleos habitados nun radio inferior a 2000 m: Rivadavia, S. Cristobo, Carballeda de Avia, A Quinza, San Paio, San Esteban de Nóvoa, etc. 2.- A potencialidade da comarca baseada na sua riqueza en recursos naturais: paisaxe, industrias vitivinícolas, turismo de calidade, que pode ficar agredida pola instalación do parque. 3.- A potencial toxicidade dalgúns dos residuos que se prevé tratar aquí. 4.- A perda do valor comercial dos produtos e propiedades da zona. 5.- Xera desconcerto que a liña fundamental proposta polo Governo da Galiza, para o futuro unha comarca agrícola como o Ribeio, sexa o tratamento de residuos orixinados principalmente nas cidades. Defendemos a descentralización da xestión dos residuos que se xeneren. Estes deben de ser tratados perto da súa orixe (principio de proximidade), como din as directivas europeas e os principios de desenvolvimento sustentábel e corresponsabilidade ambiental. Demandamos da Administración un Plano de Residuos para Galiza acorde coas necesidades actuais baseado nun estudo previo rigoroso e coherente. Foro Social “Temos Dereito a Saber” ADEGA (Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza) Asociación Ecoloxista Ridimoas |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|



