| Quilmas e Baroña: os despropósitos da acuicultura industrial |
|
|
30 de marzo de 2007. ADEGA ven de apresentar alegacións á instalación de dúas macropiscifatorías en QUILMAS (ampliación, 123.935 m2) e BAROÑA (nova criazón, 294.581 m2). Estes proxectos, desproporcionados e impactantes, son restos dunha planificación sectorial insustentábel e depredadora co patrimonio natural e cultural. A súa meteórica tramitación, feita á marxe do novo plano acuícola, incluindo a declaración de supramunicipalidade, lembra aos procedementos sumarísimos de épocas pasadas e podería supoñer un trato de favor cara Stolt e un desprezo pola poboación local.O nefasto Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria aprobado polo PP in extremis segue aínda vixente, e deitando un regueiro de macropiscifatorías por todo o litoral. Dos 23 parques iniciais, 13 afectaban a espazos protexidos ou merecentes de selo. É o caso dos recentes proxectos de ampliación de Quilmas (Carnota) con 123.935 m2 e das novas instalacións en Costa Galloufa-Baroña (Porto do Son) con 294.181 m2, que a convertiría na máis grande do mundo. As instalacións de Quilmas ocupan parte do LIC Carnota-Monte Pindo, un espazo de alto valor ecolóxico parte da Rede Natura galega, un LIC no que por certo, foi deixado un oportuno "oco" polo anterior governo para o que houbera menester. Afecta ademáis a hábitats e especies de interese europeo segundo a Directiva 92/43 CEE. As instalacións de Costa Galloufa sitúanse a menos de 400 m do celebérrimo castro de Baroña, unha xoia do noso patrimonio cultural que agora estará "escoltada" por unha bonita explanación a carón da costa de 1 kilometro de longo e case medio de profundidade. Paradoxalmente, a empresa considera este impacto como "compatíbel" coas obras propostas. Na zona, localízanse tamén, ao igual que en Quilmas, hábitats prioritarios e de interese europeo. Estas macroinstalacións, por estar moi próximas ou dentro mesmo de áreas protexidas, comprometen a viabilidade ecolóxica de espazos senlleiros da Rede Natura galega. Causan impactos tanto na terra (alteración de hábitats protexidos, destrucción paisaxística e patrimonial...) como no mar (vertidos con elevada carga orgánica, antibióticos, produtos químicos, etc). A respeito dos vertidos, nun documento da Comisión Europea (Decisión 1-3-2001) relativo ás axudas FEDER e FEOGA para o Programa Operativo Integrado de Galiza (2000-2006) se recolle a seguinte observación a respeito das piscifatorías galegas: "Coidar a depuración das augas das piscifatorías, a posíbel contaminación xenética e a propagación de enfermidades a outras poboacións [salvaxes]". E nos proxectos de Quilmas e Baroña non se recolle ningunha instalación de depuración para o medio millón de m3 de augas contaminadas que deitan directamente ao medio cada ano. Por certo, ningunha delas conta aínda, como denunciaba ADEGA, con permiso de vertido, polo que ninguén controla os efluentes que deitan ao medio. Que pequena empresa ou negocio podería estar funcionando sen os permisos e licenzas preceitivas? Tampouco contribúen a evitar a sobrepesca porque os pensos dos peixes aproveitan os descartes da pesca industrial que esquilma os mares, xerando menor valor engadido e postos de traballo que a pesca tradicional. Deste xeito, póñense en risco os recursos pesqueiro-marisqueiros dun litoral moi produtivo cuxa explotación xera moitos máis postos de traballo e de maior calidade que as esmolas da macroacuicultura. E sobre os postos de traballo, datos do IGE (Instituto Galego de Estatística) de 2001 recollidos nun informe sobre Recomendacións Estratéxicas de I+D+I, falan do estado destas empresas en Galiza:"plantillas inferiores a 50 traballadores das que máis dun terzo teñen menos de 10 empregados". Por certo, que na macroinstalación de Quilmas, Stolt chega a dicir que de non poderse efectuar a ampliación proposta, “procederase ao peche das actuais instalacións, dada a súa imposibilidade de reparación e mal funcionamento. Este feito provocará a desaparición de todos os postos de traballo xerados pola granxa, tanto directos como indirectos”. Coidamos que afirmacións como estas supoñen unha intolerábel chantaxe á administración e á sociedade galega por parte dunha empresa que percibe en conceito de subvencións públicas, nada menos que o 50% do orzamentado. A administración galega debería priorizar o aproveitamento sustentábel dos recursos do noso mar para garantir o futuro das actividades mariñeiras tradicionais, antes que promover a instalación de macropiscifatorías mesmo en espazos de costa protexidos. Alén disto, preocúpanos o feito de que a tramitación destas instalacións faise segundo o plano acuícola do PP e á marxe da nova planificación sectorial aínda en revisión. A que ven tanta presa?. Non sería máis lóxico racionalizar e planificar antes o sector que tramitar pola vía rápida estas instalacións ás que por certo se lles deu xa a declaración de supramunicipalidade? ADEGA coida que en coerencia coas políticas de desenvolvemento harmónico e de valorización dos recursos autóctonos, deberían rexeitarse estas dúas instalacións por estaren nas antípodas do que representa unha xetión sustentábel dos recursos naturais e ser, de paso, fondamente inxustas dende o punto de vista social. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|


QUILMAS



