Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Novas arrow Últimas novas arrow Incineración por PLASMA: un paso atrás na xestión dos RSUs
Incineración por PLASMA: un paso atrás na xestión dos RSUs Imprimir E-mail
bannerplasma3.gif2 de marzo de 2007. ADEGA rexeita este sistema por inseguro, ineficiente e insustentábel e non descarta promover unha nova ILP para loitar contra outra “SOGAMA bis”. Se o governo galego propón a gasificación por plasma como solución para os refugallos do sur de Galiza, ADEGA amosa a súa frontal oposición a este sistema por constituir un paso atrás, mesmo respeito á Lei 10/98 de Residuos do PP, e unha violación da xerarquía de tratamento establecida na lexislación estatal e europea. Infórmate: LÉ EIQUÍ O QUE CENSURAN OS MEDIOS!
 

    ADEGA quere expresar tamén a súa decepción polas actuacións do governo galego a respeito dos RSUs nestes dous anos. As expectativas apontaban a un cambio de rumo con respeito ás políticas anteriores, fomentando a reducción, a reciclaxe e a compostaxe como alternativa á incineración e activando o diálogo e a participación social. Até o día de hoxe e logo dos anuncios da Consellería de Medio Ambiente de iniciar un diálogo social sobre a xestión dos RSUs, este non se ten producido. Porén, foron ADEGA e a FEG as que organizaron en maio de 2006 as xornadas “Abrindo camiños de dialogo: a xestión dos RSUs en Galiza” e sacaron a problemática a debate. Alén disto, o único foro de participación social promovido pola administración foron as alegacións á nova Lei de Residuos, e a falla de información cara a cidadania é total.
    Se a Xunta de Galiza aposta agora polo plasma, outro tratamento finalista que agocha unha incineración encoberta, botará por terra as espectativas da sociedade e do movemento ecoloxista de racionalizar a xestión dos refugallos conforme a criterios de sustentabilidade. process_illustration2.jpgUnha gasificadora de plasma ten un altísimo consumo enerxético, produce un residuo sólido en forma de colada vitrificada e un gaseoso (PCG) que contén hidróxeno, monóxido de carbono, metano, ácidos (sulfídrico, dióxido de xofre, clorhídrico), compostos nitroxenados (amoniaco, dióxido de nitróxeno), metais pesados (cromo, mercurio, chumbo e cadmio) e arsénico. Un problema engadido é tamén como xestionar este gas: a combustión directa convertiría a planta nunha vulgar incineradora de residuos tóxicos e perigosos. Ademáis, esta tecnoloxía non é segura e non está probada á escala que se precisaría para tratar o enorme volume de refugallos que produce o sur de Galiza.
Por iso, dende ADEGA vemos a opción do plasma como unha fuxida cara adiante, unha aposta irresponsábel por un modelo inseguro, ineficiente e insustentábel:
-Perpetúase un modelo centralizado de xestión: os residuos do sur de Galiza seguirán a transportarse a unha única planta, co conseguinte consumo de combustíbeis fóseis e emisións de gases polo transporte. Só a xestión comarcalizada en pequenas plantas de tratamento pode ofrecer os resultados máis eficientes e cumprir co Principio de Proximidade.
-Non se favorece a prevención nen a reducción en orixe: tratamentos finalistas coma o plasma e a incineración tradicional baséanse no tratamento (que non aproveitamento) de cantidades crecentes de lixo indiferenciado. Un exemplo é a actual incineradora de SOGAMA, onde a porcentaxe de materiais recuperados está por baixo do 5%. A reducción en orixe do lixo xerado debe ser a principal prioridade na xestión dos RSUs. Exiximos que se planifique a xestión do lixo para cumprir cos obxectivos de recuperación establecidos na normativa europea. Isto require reducir a capacidade incineradora de Cerceda e incrementar fortemente a reciclaxe, en troques de crear novas plantas de incineración.
-Non se cumpre a xerarquía de tratamento, que prioriza a reciclaxe e compostaxe fronte ás diversas formas de incineración. Ao igual que ocorreu con SOGAMA, fálase de que van tratarse residuos “non reciclábeis”, mais na incineradora de Cerceda o principal combustíbel (52%) é a materia orgánica, que se podería reciclar através da compostaxe. E se finalmente se tratan os residuos orgánicos co plasma, incumpriríase a Xerarquía de Tratamento que establece a lei estatal 10/98 e as recomendacións europeas.
-Non se recuperan os recursos do lixo: a fracción orgánica do lixo xerada nos fogares galegos, é un material de grande valor e calidade para, mesturado con restos forestais, elaborar un fertilizante orgánico –o compost- idóneo para a recuperación dos solos queimados, por exemplo, e necesario para a agricultura. A compostaxe debería ser o obxectivo para o cen por cen dos residuos orgánicos do fogar.
-Contribúese ao cambio climático: o monóxido de carbono (CO) xerado na gasificación por plasma xera, nas altas capas da atmosfera, ozono e CO2, gas implicado no efeito invernadoiro e no quecemento global. Semella pois unha contradicción que dende a Consellería de Medio Ambiente se fale de traballar contra o cambio climático mentres que se promove un proxecto que favorece o efeito invernadoiro.
 
    Fronte a outra SOGAMA bis a posición ecoloxista é ben clara: defendemos un modelo sustentábel de xestión dos residuos, descentralizado, baseado na prevención, na reducción e na compostaxe. Apostamos por sistemas de baixa tecnoloxía, sinxelos e seguros, que fomenten a participación e a implicación da cidadanía.
    Neste senso, debe operarse un cambio radical en relación coas políticas herdadas dos gobernos anteriores, polo que exiximos, no fondo e nas formas, o cumprimento dos programas electorais dos dous partidos no goberno, que propugnaron a conversión do sistema actual como paso previo ao abandono da incineración.
    Traballando na reducción e reutilización, e aumentando as taxas de compostaxe e reciclaxe, na Galiza non hai sitio para a incineración, póñase o nome que se lle poña.
    E se fai falla promover outra ILP como hai 11 anos (1995-1996) para levar o debate sobre o modelo de xestión dos RSUs á rúa e ao Parlamento, e impedir outra SOGAMA bis, ADEGA está disposta a facelo.
< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
Adega