|
ADEGA, 1º premio "ECO-EJEMPLOS 2006" da obra social de Caja Madrid |
|
|
18 de outubro de 2006. ADEGA ven de ser galardoada co 1º Premio “Eco-Ejemplos 06” da Obra Social Caja-Madrid. O premio, partillado con Amigos da Terra, centráse na compostaxe caseira como exemplo de xestión sustentábel no tratamento dos resíduos orgánicos. Cos premios "Eco-Ejemplos", de ámeto estatal, a entidade convocante pretende recoñecer exemplos de actuacións respectuosas co medio e que sexan asumíbeis e recoñecíbeis pola sociedade como modelos a seguir.
Á convocatoria, de ámeto estatal, presentáronse entre outras as seguintes entidades: Fundación Tormes. EB, Fundación Global Nature, Asociación Social Andrómines, Asociación Ecoinstitut de Ecología Aplicada, etc. O programa de compostaxe caseira premiado consiste no reparto, instalación dun composteiro, e a entrega dun manual elaborado por ADEGA, así como o seguemento durante seis meses do proceso de compostaxe. Durante estes meses fanse visitas de seguemento nas que os educadores/as ambientais de ADEGA resolven as cuestións e clarexan as dúbidas que poidan xurdir, alén de aportar ideas para millorar o proceso. Baixa eiquí o manual (1MB) Son xa once os proxectos destas características desenvolvidos por ADEGA dende o seu comezo, no verán do 2002. A súa finalidade é dar unha xestión ecolóxica aos resíduos orgánicos evitando a súa incineración ou verquido, e fomentando a reciclaxe. Neste período de tempo, a compostaxe caseira ten demostrado ser un sistema eficiente para xestión domiciliaria dos residuos orgánicos, saíndo o concello colaborador beneficiado tanto ecolóxica como económicamente. Cada día máis persoas interésanse por este sistema de tratamento descentralizado. ADEGA quere compartir este premio con todos os concellos e entidades que se sumaron a esta iniciativa: os concellos de Santiago de Compostela, Ames, Mos, Mugardos, Arzua e Ferrol, a AA.VV. de Serra de Outes, e especialmente a todos os veciñ@s destes lugares, participantes fundamentais do proxecto que contribúen a recuperar unha práctica tradicional e ecolóxica e apostan por unha solución sustentábel á actual problemática dos resíduos orgánicos. ADEGA engade este premio a outros de todo o estado, como os concedidos por La Caixa e a Fundació Territori i Paisatge, en recoñecemento á calidade dos seus proxectos ambientais. |