Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Novas arrow Últimas novas arrow Operación Carballo: unha iniciativa solidaria en defensa do bosque
Operación Carballo: unha iniciativa solidaria en defensa do bosque Imprimir E-mail
carballoconbotas1.jpg20 de setembro de 2006. Através da Operación Carballo preténdese que os participantes establezan unha relación de respecto e amizade coas árbores autóctonas e as frondosas do país. Anímase aos galegos/as a que manteñan un pequeno viveiro de carballos, sobreiras, cerquiños, aciñeiras, castiñeiros... na súa casa, escola, oficina..., que no momento apropiado empregaranse en repoboar os estragados montes galegos. Alén desta iniciativa, impulsada por CANALCIENCIA, contamos tamén cun útil MANUAL SINXELO DE REFORESTACIÓN POR SEMENTEIRA, elaborado pola Oficina de Medio Ambiente da Univ. de Vigo (ollo, pesa 1,3 megas!).
 

carballo_botas.jpgDende ADEGA queremos apoiar e difundir esta iniciativa de CANALCIENCIA ofrecendo unhas breves e sinxelas orientacións para a obtención de plantóns de Quercus. Hai xa 19 anos que estes compañeiros/as, coa colaboración de colexios e institutos, levan cultivando landras e inzando de vida os montes galegos.
 
ORIENTACIÓNS PARA A RECOLLIDA E SEMENTEIRA: 
 
1. Recollida das landras do xénero Quercus: farémolo en setembro e outubro. Procuraremos que non teñan puntos nin marcas de actividade de insectos. Gardarémolas nun lugar seco e onde non lles dea directamente o sol (se lles dá moito estráganse en catro ou cinco días). Asemade, recolleremos follas caídas de carballo e conservarémolas na neveira.bote.gif
 
2. Durante setembro e outubro recolleremos envases tetrabrick e mais botellas de plástico PET de litro e medio. As botellas cómpre cortalas para aproveitar os dous terzos contados desde a base. Aos tetrabrick hai que cortarlles a tapa. Cunha navalla furaremos o centro da base dos envases. Dos dous tipos de envases, o mellor é o tetrabrick. As botellas son axeitadas para ver como progresa a xerminación e como van crecendo as raíces.
 
3. Encher os envases con terra rica en humus. Se é posíbel poñer no fondo do envase unha capa de area de río limpa.
 
4. Durante outubro e novembro, ou asemade coa recolleita, seleccionaremos as mellores landras. Para iso, meterémolas nun caldeiro con auga e deixarémolas de cinco a dez minutos. Aproveitaremos as que axiña vaian ao fondo e teñan boa pinta: son as mellores. Rexeitaremos as que aboien (teñen aire dentro e, polo tanto, algún burato na casca feito por insectos, pola caída da árbore, polo sol...).
 
5. Plantaremos as landras en outubro e novembro. Non debemos agardar moito desde a recollida pois perden a capacidade de xerminación nunhas semanas. Poñeremos as landras, dúas ou tres por envase, a uns oito ou dez centímetros da superficie, máis ou menos a unha profundidade que sexa de dúas a tres veces o diámetro da landra. Protexeremos a superficie da terra cunhas cantas follas das recollidas canda as landras e que temos gardadas no frigorífico.
 
6. Cómpre deixar os envases coas sementes no exterior: é necesario o frío do inverno para unha boa xerminación e crecemento. Así e todo, evitaremos que a terra estea enchoupada.
 
7. En abril ou maio, cando saian os plantóns podemos levalos ao lugar escollido para plantalos. Agardaremos a que teñan quince centímetros ou máis de lonxitude e varias follas ben desenvolvidas.brik.gif
 
8. Para plantalos faremos un burato no chan dun tamaño un pouco máis longo que o recipiente. Con coidado, cortaremos as paredes do envase e sacaremos o plantón coa terra; cómpre ter coidado coa raíz principal: é moi longa e estará enrolada. Lembremos que para plantar as nosas árbores é necesario pedirlles permiso aos donos do terreo (xuntas de montes, propietarios particulares...).
 
9. Ás veces é necesario protexer as árbores acabadas de plantar cunha malla para coellos.
 
10. Mirar para as árbores, coidalas e gozar da súa presenza.
 
< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
Adega