|
Un novo verquido enche de peixes mortos o río Sar |
|
|
|
Aparecen peixes mortos en 5 Km de río e as augas están putrefactas 19 de Setembro 2006. Un novo verquido contamina as augas do río Sar. Esta vez ao seu paso polos Concellos de Rois e Brión entre a aldea de Francelos (Rois) e a Ponte de Chave de Carballo (Brión). O verquido comezou hai 1 ou 2 días neste río, continuamente afectado pola contaminación. ADEGA quere denunciar, unha vez máis, o lamentable estado no que se atopa tanto o Sar como moitos dos ríos galegos. BASTA XA DE AGRESIÓNS AOS NOSOS RÍOS!
Desta vez non podemos distinguir de que tipo de verquido se trata. A auga baixa de cor marrón e o intenso cheiro a podre e a peixes mortos inunda o ambiente. Os peixes mortos comezan a aparecer nun treito dun 5-6 Km. ADEGA puxo os feitos en coñecemento da Garda Civil. Este novo incidente no Sar non é un caso illado. son só a punta dun iceberg: o lamentábel estado no que se atopan os nosos ríos e a pasividade das administracións á hora de garantir a súa conservación. A pesares de existir unha extensa lexislación sobre augas continentais, e de terse aprobado este mesmo ano unha Iniciativa Lexislativa Popular para a conservación dos ríos galegos, vilas, cidades e industrias seguen a vertendo a caño libre práticamente sen ningún control.
As autoridades competentes deben tomar medidas para frear o ritmo desmedido e a perigosidade dos verquidos que sofren os rios galegos, entre os cales, o Sar, resulta dos máis afectados. Hoxe, o conselleiro de Medio Ambiente ven de anunciar nunha comparecencia parlamentaria polo vertido do Umia a realización dun inventario dos focos de contaminación nos nosos ríos. ADEGA quere lembrar ao conselleiro que xa existe unha ampla documentación sobre as agresións á nosa rede fluvial. Abonda cun simple paseo polo Sar, o Umia, o Tambre... para ser consciente da dimensión do problema. Cómpre pois aplicar as leis e apostar por unha política de control, disuasión e tolerancia cero cos vertidos, captacións ilegais, obras na zona de policía, desnaturalización das ribeiras... BASTA XA DE AGRESIÓNS AOS NOSOS RIOS!! |