| Urbanizacións en Rede Natura: agora Valdoviño |
|
|
29 de agosto de 2006. ADEGA ven de denunciar a construcción dunha urbanización na praia da Frouxeira, concello de Valdoviño, en terreos incluidos no LIC Costa Ártabra con hábitats prioritarios protexidos pola Directiva 92/43 CE. Alén disto, o complexo residencial está afectado pola Lei de Costas e sitúase a poucos metros do castro da Frouxeira. É así como se preserva o noso patrimonio natural e cultural?. ÚLTIMA HORA: paralisada a urbanización da Frouxeira!
Evidentemente non. Por iso ADEGA ten denunciado fronte á Fiscalía de Medio Ambiente estes feitos, reclamando a paralización cautelar urxente das obras. Alén, esiximos á administración que actúe con urxencia para garantir a conservación dos valores naturais desta área, e tamén por cuestións de xustiza social: sería inxusto que nun espazo protexido (pola Directiva de Hábitats da UE, pola Lei de Costas do Estado e pola Lei do Patrimonio Cultural de Galiza, alén das normas subsidiarias provinciais), no que por razóns obvias existen importantes restriccións ás construccións, un promotor inmobiliario poidera facer o que non poden os propios veciños/as. ![]() A este respeito, ADEGA demanda dos poderes públicos, Xunta e concellos, que tutelen e garantan os intereses xerais, os de todos os veciños e veciñas, fronte aos atropellos das inmobiliarias, facendo que as leis sexan iguais para todos/as. As administracións deben actuar na cuestión urbanística con criterios de xustiza social e sustentabilidade e non permitir que unha empresa, por moitos cartos que pague, poida facer o que non poden os veciños nas súas terras. Tamén e para evitar que noutros espazos costeiros para os que aínda non existe unha protección legal, mais que teñen un alto valor paisaxístico, se leven a cabo actuacións que deterioren irreversíbelmente o litoral, ADEGA volta a esixir medidas urxentes para garantir unha planificación sustentábel da costa. A Lei de Protección da Paisaxe Galega, que verá a luz en 2007 e o Plano Reitor de Usos da Costa anunciado para este ano, poden chegar tarde se non se declara unha moratoria urbanística xa. Baixa eiquí a denuncia de ADEGA á urbanización da Frouxeira. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|




