Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Novas arrow Últimas novas arrow Golf en Nigrán: mámoas no "green"
Golf en Nigrán: mámoas no "green" Imprimir E-mail
golf.gifO negocio dos campos de golf non está nas altas cuotas que pagan os seus membros. As contas non saen se o proxecto non se acompaña dunha recualificación dos terreos, mediante a modificación dun PXOM por exemplo. Artéllase así un proxecto urbanístico privado que multiplica os beneficios pero deixa graves impactos (ambientais, patrimoniais e económicos) no entorno no que se asenta. A administración debe intervir de contado para non cometer os mesmos erros que no Mediterráneo. Urxe unha moratoria xa!

 

Estamos a asistir nas costas galegas a outro exemplo da chamada "marbellización". Os campos de golf con urbanización apegada responden á importación de modelos turísticos e de desenvolvemento territorial insostíbeis e baseados na depredación daquelo que precisamente fai máis atractiva a costa galega: a súa paisaxe, os seus recursos naturais, o patrimonio histórico... A maiores, estas instalacións comportan graves impactos ambientais que non se corresponden cos beneficios xerados nas comunidades donde se asentan. Son illas dun verde estándar, paraísos artificiais iguais en todas partes (eis outra volta a globalización), que pretenden vendernos como engado para un turismo de cualidade ao que tanto lles ten estar en Dubai ou en Dodro con tal de poder ensaiar o "swing".
ADEGA reclama da Xunta unha moratoria inmediata para as recualificacións urbanísticas no litoral, no entanto non se remata a redacción dunha Lei ou Plano Reitor de Usos para as nosas costas que faga compatíbel o desenvolvemento coa conservación dos valores naturais, culturais e non destrague potencial económico propio do noso litoral. Casos como o que nos ocupa (Nigrán) non son únicos. Por toda Galiza xurden proxectos similares (A Mariña, Costa Ártabra, Costa da Morte, Rías Baixas...) que non respectan nen espazos protexidos nen o patrimonio histórico.
 
Eiquí tendes unha información sobre un proxecto dun campo de golf+urbanización en Nigrán de 800.000 m2, elaborada polo clube espeleolóxico Maúxo. Agradecemos tamén a colaboración de Carlos Méixome, director do Instituto de Estudos Miñoranos.
 
CAMPOS DE GOLF: NEGOCIO DE POUCOS, RUÍNA DE TOD@S 
Independentemente de como se resolva o problema da propiedade, os terreos afectados (800.000 m2) pasarían de feito a converterse nunha grande finca particular en mans dunha empresa propietaria ou concesionaria. Chegarán peches e axentes de seguridade para que, mentres un poucos xogan, os demáis botemos de menos o que supón o monte comunal:
* Un espazo aberto ao tránsito de toda a veciñanza e forasteiros. Lugar onde disfrutamos do ar libre, do deporte, da natureza, do patrimonio cultural, das áreas de lecer...
* Unha fonte de recursos para comuneiros e comuneiras: castañas, recolección de fruma ou pico, cogumelos, piñas, leña, madeira...

O Ouro e o Mouro.
Amortizando o investimento inicial e os gastos ordinarios, un campo de golf destas magnitudes ten, de promedio, uns beneficios netos anuais de 1.160.000 euros. Según revelou a prensa local a finais de 2004 as Comunidades de Montes afectadas cobrarían 84.000 euros. Noutras palabras: o 7'4% entre as tres parroquias afectadas. Non é mal negocio para estar na ribeira sur da ría de Vigo, no centro dun espazo en proceso de urbanización acelerado, desbocado, desfasado, especulativo, desarrollista e insostíbel.
Pérdense 70 hectáreas de producción de madeira Con qué beneficio?. Pérdense tamén setenta hectáreas de potenciais produccións complementarias como mel, castañas, landras, cogomelos, carne ecolóxica, etc. A quen interesará o abandono da terra?. Normalmente os campos de golf veñen acompañados de grandes promesas de postos de traballo e negocio. A realidade é que a plantilla media dun campo de golf componse dunhas 23 persoas, a maior parte das cales han de acreditar formación específica. Por enriba, as adicadas ao golf soen ser empresas endogámicas que ademáis da súa elite non só montan as súas propias tendas e bares, etc., senón que se dan moitos casos de entrar en competencia co comercio e a hostelería locais.

A auga tamén a queren.
Un campo de golf como o que se pretende eiquí ten un consumo anual entre 700.000 e 1.000.000 de metros cúbicos (de 700 a 1.000 millóns de litros de auga). A mesma cantidade de auga que unha nova vila de 8.400 a 12.000 habitantes. Se lle sumamos as novas casas e instalacións que acompañan ao proxecto a cifra aproximaríase á do consumo duns 17.000 habitantes.
Os defensores do proxecto recoñecen a dificultade de traela de Zamáns. Consideran aproveitar as augas residuais da depuradora de Nigrán [como!?] ou abrir pozos para collela dos manantiais da zona. O problema é que estes mananciais son os mesmos que surten de auga ás parroquias afectadas dende tempos inmemoriais. Cando escasee a auga, con invernos como o de 2004-05, quen terá prioridade no seu uso?. Os veciños e veciñas ou o Campo de Golf?

Contaminación.
Un campo destas características consume unhas 49 toneladas por ano de fertilizantes; produtos con contaminantes abondosos derivados do nitróxeno e de fosfatos. Ademáis consume toneladas de herbicidas, funxicidas, nematicidas, aracnicidas ou mesmo rodendicidas. Tamén se empregan retardadores do crecemento e xéranse lixo, restos de corta contaminados e vertidos accidentais.
A súa toxicidade é variábel, mais cando falamos de grandes superficies con numerosos mananciais e regatos, acontece que todo este "arsenal" químico ameaza moi seriamente a potabilidade deste recurso vital.

Desmontar o Monte.

A preparación do terreo para a implantación dun campo de Golf deste tipo supón, primeiro, a tala masiva. A corta a matarrasa. Se o impacto ambiental destas talas pode ser mui forte, a posibilidade de cortar as novas fragas de carballos e de castiñeiros que se estiveron a recuperar nestas últimas décadas sería imperdoabel. Logo, efectúase un subsolado, nivélase o terreo en función da morfoloxía que se lle pretenda dar ó campo de golf. Un campo de golf é un monocultivo. Excepto, a herba seleccionada como céspede, destrúe todo o que hai. Aplícanse herbicidas sistemáticamente.
O anunciado "Sector Residencial" que acompaña o campo de golf sería unha nova monstruosidade paisaxística, estilo Gaifar (Nigrán), Toralla (Vigo), etc.

Voces que se apagan.
O campo de Golf pode representar outro exemplo de primavera silandeira. A aplicación masiva de produtos químicos conlevaría a desaparición das especies vexetais existentes e a morte da fauna invertebrada. Anfibios, réptiles, mamíferos e aves corren perigo e veriamos ameazado o noso ecosistema.

Patrimonio Arqueolóxico directamente afectado.
Aqueles que planifican a idea dun campo de golf nesta zona, se supón que deberían coñecer o seu valor como patrimonio arqueolóxico e natural. Xacementos do Paleolítico á Idade Moderna. Un legado de máis de 300.000 anos, diverso e ben exemplificado nun marco paisaxístico de recoñecida beleza. Obsérvese no mapa o sobranceiro número e disposición dos petroglifos, bens de interese cultural, e o número dos outros tipos de xacementos ó aire libre e covas afectados.
Obrigados polo espacio dispoñible, esquecéndonos agora das inmediacións -das covas do Folón, de Porteliña, de Peneites... dos petroglifos de Fragoselo, do Carballoso, da Mámoa, do Sueido... dos castros de Priegue, Saiáns, Coruxo, Chandebrito...- que viría a ser a parte do patrimonio arqueolóxico aquí non representada pero igualmente afectada por razóns xeográficas evidentes.
 
Baixa eiquí o mapa do proxecto e as afeccións patrimoniais.
 
< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
ADEGA