Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Novas arrow Últimas novas arrow As plantas de compostaxe reciclan 4 veces máis que SOGAMA, con 5 veces menos habitantes
As plantas de compostaxe reciclan 4 veces máis que SOGAMA, con 5 veces menos habitantes Imprimir E-mail
O futuro de SOGAMACompostela, 3 de outubro de 2009. ADEGA vén de apresentar un informe comparativo sobre a recollida selectiva en Galiza, baseándose nos datos da propia Xunta. As conclusións son reveladoras sobre a eficiencia na reciclaxe de cada sistema de tratamento: o modelo SOGAMA, baseado na incineración, e os modelos de Nostián (Consorcio das Mariñas) e Lousame (Mancomunidade do Barbanza), baseados na compostaxe da materia orgánica. A principal conclusión é que estas 2 plantas de compostaxe Nostián (metanización) e Lousame (compostaxe aerobia) reciclaron o 32% dos residuos dos seus 472.000 habitantes. Por outra banda, os restantes 2.300.000 habitantes adscritos á maioritaria SOGAMA só reciclaron o 8% do total dos residuos recibidos. As plantas de compostaxe amosan pois, a súa maior eficiencia, xa que reciclaron un 400% máis que o modelo de incineración/vertedoiro incontrolado que practica SOGAMA. Baixa o Informe RECOLLIDA SELECTIVA 2008.pdf Informe sobre a RECOLLIDA SELECTIVA 2008 (570 KB)
 

En termos cuantitativos, unha quinta parte da poboación, a asociada aos modelos das Mariñas o Barbanza, reciclou tantos residuos como todos os cidadáns dos concellos aderidos a SOGAMA.
Os resultados son tanto máis sorpredentes cando analizamos as distintas fraccións da recollida selectiva de residuos: as plantas de compostaxe reciclan moita máis materia orgánica, mentras que SOGAMA non recicla nin unha soa tonelada xa que incinera a maior parte e o resto o deposita no vertedoiro da Areosa (Cerceda) que durante anos funcionou como un vertedoiro incontrolado, carecendo das medidas de control e calidade ambiental que esixe a Unión Europea.
Ademais disto, as plantas de compostaxe reciclan moita máis cantidade de residuos que SOGAMA en TODAS as demáis fraccións da recollida selectiva: Vidro, 9 puntos máis; Papel/Cartón, 4 puntos máis; e Envases, 31 puntos máis, tanto nas áreas de alta xeración de residuos (A Coruña-zona urbana), como en áreas máis rurais cunha máis baixa xeración de residuos (comarca do Barbanza).
Estes datos foron tirados do Documento de Inicio do Plan de Xestión dos RSU de Galiza 2010-2020 presentado pola Xunta en agosto deste ano. No documento, a información preséntase de xeito confuso e disperso, coa fin de non facer evidentes as contradicións dun modelo fracasado e insustentábel.
Os dados expostos revelan a absoluta incapacidade do modelo SOGAMA para a reciclar os residuos a pesar das enormes cantidades de diñeiro necesarias para construir e manter a incineradora e os custos de transportar por toda Galiza até Cerceda miles toneladas de residuos. As plantas de compostaxe, a pesar do boicot político e institucional ao que foron sometidas durante a era Fraga, acadan taxas de reciclaxe e eficiencia moi superiores, cun investimento moito máis reducido.
SOGAMA é un modelo fracasado dende o seu inicio, o que novamente ven de ser confirmado polos datos oficiais. A Xunta de Galiza non debe cometer dúas veces o mesmo erro, que alonxará á cidadanía galega dos obxectivos europeos para o 2020 en materia de reciclaxe dos RSUs. O modelo SOGAMA condúcenos cara a insustentabilidade ambiental e o desbaldimento económico. A pregunta é: quen se beneficia desta ruina económica e ecolóxica?
O recente anuncio por parte da Xunta de Galiza da construcción dunha nova “planta de tratamento” (incineradora) no sur de Galiza, e as insinuacións sobre o “redimensionamento” da planta de Cerceda, previa ampliación do vertedoiro da Areosa, aponta a que o goberno Feijóo pretende persistir no erro e voltar á caverna ambiental do modelo SOGAMA.
A Xunta debería aprender dos erros pasados, facer propósito de enmenda e apostar polo cumplimento das leis e directivas europeas que priorizan a reducción, a reutilización e a reciclaxe, e establecen unha xerarquía no tratamento de residuos que prima a compostaxe, situando no último chanzo a incineración e o vertido. Precisamente son a incineración e o vertido as receitas que semella preparar o goberno Feijóo no novo Plano de Xestión dos RSUs de Galiza 2010-2020, unha decisión que para ADEGA suporía unha nova hipoteca ambiental para a cidadanía e un grave retroceso no camiño da sustentabilidade.
< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
ADEGA