|
A Xunta "pontea" á xustiza e legaliza a piscifatoría de Mougás, malia a ter orde de derrubamento |
|
|
3 de agosto de 2009. A Xunta vén de perpetrar outro atentado contra o litoral galego e contra a legalidade. A piscifatoría de Mougás (Oia) pertencente a filial de PESCANOVA INSUÍÑA S. L., vai ser ampliada en 7786 m2. Sobre esta instalación pesaba unha orde de derrubamento do TSXG por afectar a terreos de Costas e exceder nun 48% a edificabilidade da parcela. A maiores, en 1999 a COTOP de Núñez Feijóo denegou a autorización para a planta e declararouna ilegal e ilegalizábel. Xa co bipartito, novas resolucións e cuantiosas multas instaban á execución forzosa da orde de demolición. O asunto provocou en 2007 o procesamento do director de acuicultura de Pescanova por delicto urbanístico e do alcalde de Oia, o concelleiro de urbanismo e o aparellador por presunta prevaricación ao conceder a PESCANOVA unha licenza ilegal. No entanto, PESCANOVA fixo ouvidos xordos ás resolucións e sentenzas continuando coas obras e pagando sancións millonarias. Agora a Xunta dalles a razón: o que a segue, a consegue. Feitos consumados!
Agora, a aplicación do Plano Acuícola de Touriño-Gallego por parte da Xunta do PP, fillo putativo daquel outro “Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria” de Fraga-López Veiga, ven a solucionar a papeleta a PESCANOVA: mediante a declaración de supramunicipalidade, todas as ilegalidades cometidas na tramitación desta instalación quedan “borradas” e as ordes de derrubamento en suspenso. Curiosamente, a declaración de supramunicipalidade non foi sometida a revisión polo bipartito, de xeito que o Plano Acuícola revisado herdaba este trámite, perpetrado no último consello da Xunta da era Fraga. ADEGA considera un verdadeiro escándalo e unha fraude de lei que unha empresa, que amosou unha recalcitrante insubmisión a cumprir as leis e as resolucións dos tribunais, se vexa agora favorecida pola Xunta. Mais o certamente intolerábel e a actitude da administración, tanto da anterior como da actual: coa boca pequena incoaban expedientes e decretaban ordes de derrubamento, mentres por detrás abrían a porta para legalizar vía declaración de supramunicipalidade, as falcatruadas de PESCANOVA, facéndose deste xeito cómplices dos infractores. |