Menu Content/Inhalt
INICIO
A cara "B" das piscifatorías: sumidoiro de subvencións e destrución de emprego Imprimir E-mail
stoltrtp.jpg23 de xuño de 2009. Os postos de traballo son un dos principais argumentos das empresas de acuicultura industrial para defender os seus intereses. Nos seus proxectos e através da propaganda mediática, preséntanse como a panacea para as vilas costeiras, ofertando impúdicamente centos de empregos. A realidade é outra: a acuicultura industrial emprega hoxe a unhas 400 persoas segundo información do propio Clúster acuícola, entre persoal de dirección, vendas, producción, etc. Datos do IGE (Inst. Galego de Estatística) falan do estado destas empresas en Galiza: "Plantillas inferiores a 50 traballadores, das que máis dun terzo teñen menos de 10".
 

Como pode ser posíbel entón que, por exemplo, Pescanova en Touriñán oferte 350 postos de traballo (e daquela Stolt en cabo Vilán 200), cando nesta última fatoría traballan a día de hoxe unha media de 15 persoas?.
Outra cuestión que estas empresas obvian dicir é a cuantía das gorentosas subvencións públicas con que todos e todas financiamos a súa actividade e que poden chegar até o 50%. Por exemplo, para a planta de Mira (Portugal) o estado portugués entregou a Pescanova 45 millóns de € en subvencións públicas directas (sen contar coas subvencións indirectas para milloras tecnolóxicas, infraestruturas de distribución, ventaxas fiscais...), dos 140 millóns de € do total do proxecto. E todo para criar, segundo a empresa, uns 200 postos de traballo (comezaron ofertando máis de mil). Facendo un rápido cálculo, resulta que cada emprego custou ás arcas públicas portuguesas nada menos que 225.000 €, ou o que é o mesmo, portugal pagará con cartos públicos o salario completo dos traballadores de Pescanova (estimamos 15.000 € ao ano) durante 15 anos. Así calquera pon un negocio!
  Os promotores acuícolas fan tamén outro curioso cálculo: as previsións de emprego estímanse dividindo a producción actual polos postos de traballo, e extrapolándoas aos obxectivos de producción e expansión. O ratio é de 1 posto de traballo por cada 11 Tm de peixe producidas, calculando deste xeito que se xerarán 2.800 empregos nos parques proxectados. Isto é unha nova falacia, xa que a acuicultura industrial é un sector cuxos procesos produtivos están altamente automatizados polo que o aumento da producción non precisa dun medre proporcional do persoal. Mesmo pode darse o caso de que a expansión signifique unha merma dos actuais postos de traballo, ao automatizar tarefas que como a alimentación manual, empregan á maior parte do persoal non especializado.
  No entanto, o máis grave non é o escaso emprego que crían estas plantas, senon o que poden chegar a destruir nun sector, este sí verdadeiramente estratéxico (98% da produción, datos de 2008), que vive directamente dos recursos litorais: a acuicultura mariña, o marisqueo e a pesca de baixura. Na acuicultura a flote e nos parques de cultivo mariños, inexplicabelmente esquecidos neste plano sectorial, traballan de xeito directo unhas 16.000 persoas (datos de 2008), que poden ver comprometido o seu medio de vida pola promoción dunha actividade –a macroacuicultura industrial en terra- altamente contaminante e que só produce o 1,2% do total e cría o 5% do emprego do sector. Alén de carecer de medidas para reducir o efecto dos seus vertidos, nos estudos de impacto ambiental das macroplantas non se avalían as afeccións que producen os centos de millóns de m3 de augas contaminadas sobre a vida mariña e os bancos marisqueiros.
  Dende ADEGA preguntámonos a quen beneficia un modelo que bendice a expansión da acuicultura industrial, un sector minoritario en emprego e producción, a costa de poñer en risco a riqueza pesqueira marisqueira da nosa costa. É o coidado dos nosos recursos naturais, unido á promoción e ordeamento do sector pesqueiro e marisqueiro tradicional, o que debería concentrar os esforzos da Xunta e non os intereses das transnacionais do peixe de cemento.
< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
ADEGA