Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Novas arrow Últimas novas arrow Propostas de ADEGA ao novo governo: un compromiso inaprazábel coa Terra sen voltas atrás
Propostas de ADEGA ao novo governo: un compromiso inaprazábel coa Terra sen voltas atrás Imprimir E-mail
f09.gifCompostela, 10 de marzo de 2009. Na nova lexislatura, ADEGA demanda que se consoliden os avanzos ambientais encetados na etapa anterior, se subsanen as eivas e se camiñe máis decididamente cara a sustentabilidade. O que nunca poderemos apoiar é unha volta atrás, unha involución ambiental que bote por terra algunhas conquistas históricas do movemento ecoloxista: Lei de Defensa dos Ríos e paralización das minicentrais; Lei de Residuos e Plano de RSUs orientado á reciclaxe; Lei de Medidas Urxentes e moratoria urbanística no litoral; Lei da Paisaxe; blindaxe da Rede Natura no decreto eólico; novos espazos protexidos e proposta de ampliación da Rede Natura; participación social nos organismos consultivos, entre outras. Agardamos que o PP non repita os erros que anteriormente cometeu. As desfeitas teñen nome e lugar no mapa: Prestige, SOGAMA, Plano Hidroeléctrico, Plano Acuícola, Plano Eólico, Xistral, Courel, Rinlo, Cabo Vilán, Umia, Ulla, Ézaro... pero tamén fican na conciencia dunha cidadanía que malia a mudar o goberno, conserva a memoria.
Baixa as Propostas ADEGA NOVO GOBERNO 09.pdf Propostas de  ADEGA (50 KB) (texto completo).
 

A actual crise económica ten unha forte compoñente ambiental. Ao cambio climático global hai que engadir a sobreexplotación dos recusos naturais por riba da súa taxa de reposición, que colocaron a moitos ecosistemas naturais ao borde do colapso. As organizacións ecoloxistas levamos anos advertindo das consecuencias das políticas irracionais e insustentábeis, baseadas no crecemento económico sen fin. Desgrazadamente, xa non hai tempo para laiarse: cómpre actuar xa. Calquera opción política debería ter en conta este panorama e artellar propostas locais para mitigar os efeitos perniciosos do cambio climático, frear a deterioración dos recursos naturais e diminuir a pegada ecolóxica para non superar a capacidade de carga e de rexeneración dos ecosistemas. As forzas con responsabilidades de goberno teñen a obriga e a responsabilidade de asumir estes desafíos: precisamos dunha mudanza substancial das políticas públicas para incoporar criterios e indicadores de sustentabilidade, con compromisos reais cuantificábeis e temporalizados. Cómpre tamén integrar transversalmente o enfoque sustentábel en todos os eidos da administración para evitar que, outra volta, sexa a natureza a que acabe pagando as consecuencias da crise. O ambiente non debe ser nunca máis obxecto de depredación e especulación salvaxe. Dende ADEGA queremos amosar outra volta o noso firme compromiso coa defensa da nosa terra, a sustentabilidade e a xustiza social.
 
Enerxía
DESINCENTIVAR O CONSUMO: AFORRO, EFICIENCIA, SUFICIENCIA E RENOVÁBEIS COMO ALTERNATIVA
Propostas
-Reformar a Estratexia Galega de Cambio Climático tomando como referenza a proposta 20-20: reducir no 2020 ao 20% a emisión de GEIs no país con respecto a 1990, cuantificando e orzamentando os obxectivos anualmente.
-Plano de Aforro e Eficiencia Enerxética, comezando polas instalacións dependentes das administracións públicas, fogares e industrias, e que exclúa a subvención directa. O obxectivo sería acadar unha redución do 1% anual até o 2020.
-Novo Plano Sectorial Eólico que amplíe as zonas de exclusión a todos os espazos protexidos e a aqueles de alto valor natural, paisaxístico, patrimonial ou territorial, establecendo unha franxa de 5 km de protección en todo o litoral.
-Plano de Fomento da Enerxía Solar (térmica e fotovoltaica), comezando polas instalacións da administración, e cun maior esforzo orzamentario a nível doméstico e da pequena empresa. -Excluir os cultivos enerxéticos dos planos de aproveitamento da Biomasa.
-Intervención da Xunta na política tarifaria, establecendo entre outras medidas un imposto ecolóxico ás instalacións que consuman combustíbeis fóseis, así como un gravame á importación de carbón.
-Traslado de REGANOSA fóra da ría de Ferrol.
 
Transporte
O TREN: CERNA DUNHA MOBILIDADE SUSTENTÁBEL
Propostas
-Plano Galego de Transporte e Infraestruturas, que teña como obxectivos centrais a redución da demanda de transporte, o fomento da intermodalidade e a transferenza de pasaxeiros e mercadorías cara os modos máis eficientes e menos contaminantes.
-Integración, electrificación e dupla vía en toda a rede ferroviaria principal.
-Novas conexións Compostela-Lugo e Lugo-A Mariña para completar o corredor cantábrico que nos conecte con Lisboa e o resto de Europa.
-Mantemento das estacións e novos servizos de proximidade en todas as grandes áreas metropolitanas e conexión ferroviaria cos principais portos.
-Contemplar a intermodalidade nos PXOMs e medidas para a accesibilidade universal ao transporte público. -Obrigatoriedade de incluir carrís-bici e vías peonís na planificación urbanística e territorial.
-Moratoria na construción de autoestradas e vías de alta capacidade: reforma do Plano Director de Estradas e retirada do Plano “Vigo Integra”.
 
Urbanismo
ORDENAR RACIONALMENTE O TERRITORIO, CHAVE PARA A SUSTENTABILIDADE
Propostas
-Dotar de contido e medidas ás Directrices de Ordenamento do Territorio (DOT) para que sexan a referenza vinculante de todos os Planos Sectoriais (Eólico, Hidroeléctrico, de Transportes, do Litoral, de Vivenda, etc.)
-Paralizar e revisar os Planos Sectoriais en vigor ou en tramitación para adatalos ás DOT.
-Modificar a Lei de Ordenación do Territorio e a Lei de Ordenación Urbanística de Galiza, para entre outras medidas, limitar as novas urbanizacións, consolidar a franxa de protección do litoral e das chairas de inundación dos ríos, restrinxir a figura do “axente urbanizador” e limitar usos autorizábeis en solos de especial protección.
-Penalizar fiscamente ás vivendas baleiras e segundas residencias e incentivar a rehabilitación fronte á obra nova, con especial atención aos núcleos históricos e á recuperación das fachadas marítimas.
-Potenciar as normas do hábitat e a construción ecoeficiente.
 
Residuos
REDUCIÓN, COMPOSTAXE, COMARCALIZACIÓN E INCINERACIÓN CERO
Propostas
-Plano de Xestión de Residuos Urbanos con programas específicos, obxectivos cuantificados, temporalizados e orzamentados para conquerir unha redución na xeración de lixo de como mínimo, o 1% anual.
-Establecer como obxectivo a incineración “cero” e eliminar os incentivos á incineración.
-Valorización material mediante compostaxe de toda a fracción orgánica, integrando o aproveitamento dos refugallos urbanos, agrícolas e forestais.
-Comarcalización efectiva das plantas de tratamento, promovendo como principal sistema a compostaxe aerobia fronte á biometanización.
-Plano Galego de Autocompostaxe.
-Fomento das industrias de reutilización e reciclaxe e dos circuitos de segunda man. -Programa de rexeneración de solos degradados (entulleiras, canteiras, terreos queimados) mediante aplicación de compost.
-Novo Plano de Residuos Perigosos, industriais e non industriais, que fixe obxectivos de redución e impida o vertido ou a incineración, así como o traslado destes materiais para o depósito ou tratamento dende fóra de Galiza.
 
Litoral
CONSERVAR A COSTA, GARANTÍA DE FUTURO
Propostas
-Lei do Litoral de Galiza que garanta a protección e conservación da costa fronte aos efectos do cambio climático (suba do nível do mar, perda de biodiversidade, menor produtividade biolóxica...).
-Ampliación da moratoria urbanística dos 500m mentres non se aprobe o Plano do Litoral.
-Plano de Ordenación do Litoral elaborado con criterios de sustentabilidade que permita unha xestión integrada deste espazo e delimite os usos compatíbeis coa conservación da costa.
-Derogación do Plano Acuícola e aposta pola a recuperación da pesca artesanal, o marisqueo e a acuicultura a flote, así como pola multifuncionalidade da pesca (turismo, patrimonio, cultura, etc.)
-Revisión da Lei de Defensa das Rías para incorporar novos espazos, prohibir actividades potencialmente contaminantes, ampliar os parámetros de calidade das augas e garantir o saneamento integral das rías.
-Ampliar a rede de Áreas Mariñas Protexidas e promover a declaración de Reservas da Biosfera para as rías galegas.
-Desmantelamento de ENCE-ELNOSA e dos depósitos do Ferrazo antes do remate da lexislatura.
-Máis dotación de medios para a loita contra a contaminación mariña, con bases loxísticas e dotacións nas zonas máis sensíbeis e de maior risco.
 
Augas e ríos
DIRECTIVA MARCO E LEI DE DEFENSA DOS RÍOS
Propostas
-Novo Plano Sectorial Hidroeléctrico que consolide a moratoria e contemple a caducidade das minicentrais outorgadas que aínda non están en explotación, así como e a demolición dalgunhas infraestruturas obsoletas ou de alto impacto.
-Novo Plano Hidrolóxico adaptado á Directiva Marco da Auga que contemple a xestión integral da bacía e a restauración hidrolóxico-forestal dos escosistemas fluviais.
-Plano de Saneamento Integral orzamentado e temporalizado para garantir a aplicación da Directiva de depuración de augas residuais e o tratamento de todas as verteduras urbanas e industriais no decurso da lexislatura.
-Reclamar as competencias hidrográficas para a totalidade do territorio galego bloqueando aqueles proxectos de aproveitamento hidroeléctrico promovidos no territorio competencia do estado.
-Aposta polo de aforro e a eficiencia no consumo de auga, bonificando a reutilización e penalizando o desbaldimento, con tarifas progresivas en función do consumo.
-Promover sistemas de depuración descentralizados con en tecnoloxías brandas e procesos naturais.
 
Medio rural
UN MEDIO RURAL VIVO E SUSTENTÁBEL
Propostas
-Novo Plano Forestal centrado na conservación e recuperación dos hábitats forestais naturais, a multifuncionalidade de usos, a promoción das especies autóctonas e o abandono do eucalipto.
-Promoción da certificación FSC tanto nos montes de xestión pública como nos conveniados.
-Potenciamento das UXFOR e da participación social nos Planos de Ordenación Forestal.
-O aproveitamento da biomasa forestal residual debe contemplar contemple como uso prioritario a compostaxe e o autoabastecemento fronte á obtención especulativa de enerxía.
-Prohibición dos cultivos enerxéticos nos montes e terras agrícolas.
-Moratoria das explotacións a ceo aberto mentres non se aproba o Plano Galego da Minaría e obrigatoriedade de restaurar as canteiras, entulleiras e desmontes actuais para poder acceder a novos dereitos de explotación.
-Impulso á produción ecolóxica priorizándoa fronte aos modos industriais especialmente nas terras de tutela pública, na concesión de axudas e nos subministros da administración.
-Declaración de Galiza como territorio libre de cultivos transxénicos artellando medidas legais e administrativas para facela efectiva.
-Reforma da Lei de Concentración Parcelaria para contemplar tamén como obxectivos a prevención do impacto ambiental e a conservación dos hábitats naturais. Paralización dos procesos que afecten a espazos naturais protexidos e posíbeis zonas de ampliación.
-Plano de mellora e eficiencia das explotacións agrarias, con especial fincapé na xestión e aproveitamento dos refugallos orgánicos. Fomento das primas por medidas agroambientais.
 
Conservación da natureza
A REDE NATURA QUE GALIZA MERECE
Propostas
-Ampliación urxente da Rede Natura 2000 e da Rede Galega de Espazos Protexidos até situar a Galiza perto da media estatal en superficie baixo as figuras de protección europea (LICs e ZEPAs).
-Aprobación nesta lexislatura dos instrumentos de xestión (PORN, PRUX, Planos de Conservación, Planos de Recuperación) para todos os espazos e especies protexidas. Deben levar aparellados medidas compensatorias e de dinamización socioeconómica das poboacións integradas no espazo protexido.
-Nova Lei Galega de Impacto Ambiental que garanta un maior control, rigorosidade, transparencia e participación pública no proceso de consulta, e na avaliación e seguemento dos impactos de planos e proxectos. As declaracións de impacto negativas serán sempre vinculantes e conlevarán o rexeitamento automático do proxecto.
-Novo parque natural de Ancares-Courel e do Macizo Central e ampliación do parque nacional das Illas Atlánticas.
-Plano de choque para a prevención e erradicación das especies invasoras integrado nunha Estratexia Galega para a Conservación da Diversidade Natural.
-Plano Galego de Vixianza Ambiental, cun incremento significativo do persoal (axentes de conservación e gardaría fluvial), millora da preparación e dos medios para a vixianza e aplicación da lexislación ambiental.
 
Administración e movementos sociais
EDUCACIÓN, TRANSPARENCIA E PARTICIPACIÓN
Propostas
-Consellaría de Medio Ambiente con competencias propias e independente doutras áreas como agricultura, pesca, industria ou urbanismo, como recomenda o Consello de Europa.
-Compromiso coa contratación pública verde: adquisición de produtos, subministros e servizos ecoloxicamente sustentábeis e socialmente xustos por parte de todos os organismos dependentes da administración.
-Elaboración dunha Lei Galega de Educación Ambiental para que calquera Plano Sectorial con incidencia ambiental leve aparellado un programa específico de E. A.
-Actualización da Estratexia Galega de Educación Ambiental (EGEA). Planos concretos e orzamentados para ampliar e optimizar os materiais e equipamentos de E. A., millorar os métodos e a formación e apoiar os esforzos das entidades sociais.
-Instar a criazón de fiscalías específicas de medio ambiente en cada audiencia provincial, con medios e persoal especializado, para eliminar a sensación de impunidade que na sociedade teñen os delictos contra o ambiente.
-Reforma do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel (COGAMADES) para reforzar a súa autonomía e millorar a súa efectividade. Aumento da presenza dos colectivos ambientalistas e sociais fronte ás administracións, e obrigatoriedade de ser consultado sobre aqueles planos sectoriais de incidencia ambiental.
-Plano Estratéxico para a implantación das Axendas 21 Locais con obxectivos temporalizados e orzamentados, establecendo bonificacións e medidas de discriminación positiva para os concellos cunha A21 en marcha.
-Criazón do Observatorio Galego da Sustentabilidade, órgano independente asesor da administración de carácter técnico, garante tamén da participación pública.
-Establecemento de criterios de igualdade, transparencia, obxectividade e boa xestión na concesión das axudas públicas.
 
ADEGA, marzo de 2009.
< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
ADEGA