| Golpe aos transxénicos do Tribunal Europeo de Xustiza |
|
|
Compostela, 18 de febreiro de 2009. O Tribunal Europeo de Xustiza de Luxemburgo vén de dar a razón ás organizacións ambientalistas e cidadás na súa loita contra cultivos transxénicos e polo DEREITO Á INFORMACIÓN. ADEGA denunciou reiteradamente a opacidade, permisividade e escandalosa complicidade do estado español co lobby dos transxénicos, por mor dos atrancos á cidadanía para acceso á información sobre os "ensaios de liberación". Até o de agora, algúns estados negábanse a facer pública a ubicación das parcelas experimentais nas que as transnacionais dos OMXs “ensaiaban” os seus produtos, alegando que “lesionaría a intimidade” das empresas e dos propietarios/as das terras. Resulta irónico algúns estados vulneraran sistemáticamente o dereito á información e o Principio de Precaución, atendendo antes aos intereses privados das compañías que ao interese público, para dar coñecer a localización duns cultivos cuxa perigosidade ten sido repetidamente demostrada por numerosos estudos, denunciada por unha parte importante da comunidade científica e mesmo recoñecida por algúns países. Dende ADEGA agardamos logo que o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño de quen depende a autorización para os ensaios dos novos “monstruiños” biotecnolóxicos nas nosas terras, acate a sentenza do Tribunal de Luxemburgo e cumprimente as reiteradas peticións de ADEGA sobre a localización exacta dos campos de experimentación en Galiza. As últimas peticións de ensaios por parte das empresas “fabricantes” de transxénicos localízanse nos concellos de Arzúa, Santa Uxía de Ribeira, Mesía, Vilalba e Chantada. Convidamos á veciñanza destes concellos, asociacións e cidadanía en xeral a enviar masivamente novas solicitudes de informacion: temos dereito a saber onde e que se quere prantar na nosa terra para non ficar inermes fronte aos risco destes ensaios. Por outra banda, ADEGA ven de asinar e aderirse á Declaración Estatal contra os Transxénicos que se fai pública este mércores 18, xunto coas principais organizacións ecoloxistas do estado, investigadores/as e docentes, para esixir democracia, precaución e respecto poa saúde e polo medio ambiente fronte aos organismos modificados xeneticamente (OMXs). |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|



