| Xa está na rúa o nº 57 de CERNA, agora tamén en formato dixital! |
|
|
2 de febreiro de 2009. TRANSPORTE, ENERXÍA-CAMBIO CLIMÁTICO e MONTES, xunto coa crónica da XXXIII ASEMBLEA e o BALANZO da LEXISLATURA, protagonizan este novo número de CERNA, a revista galega de ecoloxía e medio ambiente. A partir deste número, encetamos tamén o proxecto "CERNA DIXITAL", polo que en diante poderás descarregar os contidos da revista de ADEGA en formato PDF e de balde! Preme para baixar a CERNA nº 57 (4 MB)A comezos de ano e coas eleccións autonómicas á vista, as reflexións sobre o futuro son ineludíbeis. Así o fixo ADEGA na súa XXXIII Asemblea Xeral e nos balanzos anual e de lexislatura. Claros e escuros nas políticas ambientais tras o cambio na Xunta en 2005: non podemos falar de retrocesos, pero algúns dos cambios que se demandaran, mesmo que se prometeran, non chegaron a ser realidade. Mais a conxuntura ten un elemento novidoso, do que ninguén se pode abstraer, nin tan sequera e afortunadamente, o plantel político: a CRISE. Agroman os foros sociais que concluintemente definen a crise como resultado do fracaso do actual sistema económico, o neoliberalista, e aínda máis, o capitalista. Apostan pola mudanza do sistema, un cambio fondo cara a concepción doutro modelo realmente sostíbel e consecuentemente realista, no que a enerxía e os recursos naturais son finitos, no que o consumo debe deixar de ser consumista e no que a sociedade participe das decisións políticas. Este número 57 de Cerna recolle ademais algunhas das demandas clásicas do ecoloxismo que agora máis que nunca cobran senso: transportes sustentábeis e eficientes, como o tren de proximidade para Galiza, unha economía equilibrada e benevolente co medio, un urbanismo ordenado e creado para o cidadán, non para os vehículos motorizados, sistemas de uso eficiente da enerxía renovábel, ou o Plano de Acción fronte o Cambio Climático. Compre destacar, no eido forestal, o proxecto Monte Cabalar como exemplo de cooperativismo e xestión sustentábel do monte. No eido local, os chamados núcleos de sustentabilidade superan a proba experimental á que se someteron desde hai tres anos. Agora súmanse á lista máis concellos para contribuír ao obxectivo. Os criterios de sustentabilidade, que non de crecemento, deben introducirse nos diversos departamentos gobernamentais, quizás o principal repto da nova lexislatura, tal e como sentencia nesta publicación Emilio Fernández, director xeral de Desenvolvemento Sostíbel. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|


CERNA nº 57 
