| Iberdrola constrúe unha central hidroeléctrica no Sil sen permiso de obras |
|
|
19 de xaneiro de 2009. Este pasado 5 xaneiro publicouse no BOP de Ourense a solicitude de permiso de obras da central hidroeléctrica Santo Estevo II, promovida por Iberdrola. Mais estas obras xa comezaron en outubro de 2008, cando con maquinaria pesada, voaduras e todo tipo de medios mecánicos, comezouse a furar o canón do Sil... e naturalmente sen permiso! Estes feitos veñen de ser denunciados por ADEGA perante a Axencia Galega de Protección da Legalidade Urbanística e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, por tratarse de obras sen permiso e por riba nun espazo da Rede Natura 2000. Como é posíbel que en pleno século XXI, algunhas empresas sigan ancoradas no colonialismo máis rancio?ADEGA consultou co Servizo Provincial de Urbanismo de Ourense, que nos confirmou a carencia de autorización algunha de obras para a zona do encoro de Santo Estevo. No seu momento, ADEGA fixo unha denuncia ante o Seprona de Castro Caldelas interesándonos polos permisos desta obra, obtendo como resposta que dispuñan de todas as autorizacións pertinentes, feito que logo resultou falso. A avaricia e afán desmedido de lucro amosados por Iberdrola no canón do Sil non teñen límites, e en nada se parece á imaxe que esta empresa quere dar de respecto ao medio ambiente e da que presume en custosísimos anuncios publicitarios. A realidade é moi teimuda e a forza dos feitos amosa as ansias depredadoras de Iberdrola, que non paran en trámites nen respectan a legalidade, ao promover unhas obras en plena Rede Natura e ademáis sen permiso. Por iso, ADEGA solicita alén da paralización das obras, a interposición por parte da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística dunha sanción exemplar a esta recalcitrante empresa. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|



