Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Novas arrow Últimas novas arrow Stop Nadal: aínda non, por favor!
Stop Nadal: aínda non, por favor! Imprimir E-mail
14 de novembro de 2008. ADEGA solicita á administración, empresas e cidadáns control no consumo. Até fai ben pouco tempo, decembro traía o Nadal, pero nos últimos anos toda a parafernalia que vai asociada a estas festas adiántase cada vez máis, e cara finais de novembro aparecen xa os primeiros sinais. Este ano, a finais de outubro, cando moitas persoas aínda non probamos as castañas, xa había polvoróns, turróns e mazapáns nos andeis de moitos supermercados, e na primeira semana de novembro xa temos ofertas especiais de xoguetes. A nosa sociedade xa de por si consumista, convírtese nestas datas nunha sociedade hiperconsumista, depredadora dos recursos do planeta, sen percibir que estes son limitados e que deben ser xestionados como tal.
 

Nestas datas aumenta o consumo de enerxía, produción de resíduos, etc. ao mesmo ritmo que sube o nivel de estrés e ansiedade. Unha cousa é planificar e adiantar a compra para non caer no consumismo e as presas de última hora, especialmente na época máis cara do ano, e outra ben distinta é que o nadal comece uns días despois da volta ao cole. A realidade é que o gasto dos fogares se incrementa cada ano e xa está estimado nun consumo medio duns mil euros por persoa.
Dende ADEGA solicitamos ás administracións, grandes superficies e cidadáns responsabilidade e consciencia, xa que o consumismo ten consecuencias ambientais, sociais e económicas. A polución derivada do consumismo (residuos, pilas...), o gasto enerxético desmesurado dos concellos (algunas cidades xa están poñendo o alumeado de nadal) ou dende o plano social, a esquilma de recursos naturais doutros países, xa que detrás de moitos dos produtos que mercamos e levamos ás nosas casas hai agochadas persoas que están pagando un alto prezo para que nos os disfrutemos, son algunhas das consecuencias do hiperconsumismo desaforado e irresponsábel.
Por eso pedimos cautela á hora de empregar os recursos públicos nun momento no que se nos di que estamos en crise. O cambio climático, o impacto dos combustíbeis fóseis e da mala xestión dalgunhas enerxías renovábeis non se soluciona adiantando a instalación e encendido das luces.
ADEGA solicita que a iluminación de nadal se retrase ate apenas uns días antes das festas (como mínimo que non se encendan ate o 15 de decembro), que se reduza o número de lugares públicos nas que éstas se instalen, tamén que o número de horas que permanezan acesas sexa das sete da tarde ás doce da noite e que se manteñan fora dese horario só os días sinalados. Así mesmo, dende ADEGA pedimos as grandes superficies e comerciantes que sigan estas ideas e non nos deslumbren coas súas luces. Cada día hai moitos máis cidadáns cosncientes do seu papel e que non se deixan enganar polos neóns, mesmo lles parece unha aberración todo o circo que se monta arredor dunha celebración cun significado cada vez máis impreciso e incerto.
Igualmente aos cidadáns pideselles que sexan imaxinativos e ecolóxicos nestas festas, que reduzan o seu consumo polo ben do planeta e polo seu bolsillo e que denuncien e fagan saber aos seus concellos e comercios habituais que adiantar o nadal, acender as luces, ser bombardeados polos anuncios publicitarios, verse na obriga de agasallar a tódolos seus coñecidos e familiares, etc, non lles gusta para nada.
Porén, temos dereito como cidadáns a disfrutar das diferentes épocas do ano sen que nos intoxiquen con datas que aínda non chegaron, así como recuperar na data que corresponda figuras propias da nosa cultura como o Apalpador. A crenza neste personaxe mítico galego sitúase nas altas montañas luguesas; un carboeiro que mora nas devesas e que baixaba o día 31 de nadal a comprobar mentras as nenas e nenos durmían se estaban ben mantidos. Palpáballes a barriguiña, deséxalles que teñan fartura e deixalles unha presa de castañas como presente.
A recuperación desta entrañable figura está sendo defendida pola entidade compostelana A Gentalha do Pichel. É de recibo defender o propio e non ter que apandar con personaxes impostos e foráneos que agochan unha cara amarga de consumismo sen sentido.
 
 
Vai-te logo meu ninim/nininha,
marcha agora pra caminha.
Que vai vir o Apalpador
a palpar - che a barriguinha.
Já chegou o dia grande,
dia do nosso Senhor.
Já chegou o dia grande,
E virá o Apalpador.
Manhã é dia de cachela,
que haverá gram nevarada
e há vir o Apalpador c´uma mega de castanhas.
Por aquela cemba já vem relumbrando
o senhor Apalpador para dar-vos o aguinaldo.
 
(Amadora de Galego†, camponesa, 79 anos, Romeor de Caurel, recolhidas em Dezembro de 1994).
< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
Adega