| ADEGA e 'Matar por Matar, NON' por unha Galiza sen touradas |
|
|
7 de agosto de 2008. ADEGA e Matar por Matar NON, apoian a campaña “Galiza mellor sen touradas” así como as mobilizacións da asociación Pontevedra antitaurina. Razóns de índole ético e de respecto aos animais, contra a tortura e pavor que senten cando son utilizados como obxectos de divertimento sádico, que para os que as fomentan e participan nestas barbaridades parecen non ser dabondo. Somos un pobo que sempre convivíu e compartíu o traballo con estes animais. Os galegos/as temos moitas razóns para estar agradecidos/as aos nosos bóvidos e loitar polo seu benestar para que non sexan masacrados en espectáculos bárbaros. Moito é que lles debemos!Vacas e bois foron os que mataron a nosa fame e nos axudaron no duro traballo que, hoxe, case temos esquecido pola mellora da vida. Mellora tamén acadada gracias a eles. Xa hai comunidades que non permiten que se maltrate a estes animais, aínda que lles deban moito menos do que lles debemos nós. Galiza non poder ser partícipe de espectáculos, a cotío nos medios, onde se queiman os cornos de touros, onde se tiran ó mar, onde se ensina aos nenos a torturar a becerros de poucos meses, onde animais morren asfixiados en festas coas que eles nada teñen que ver. Festas onde bárbaros animados polos excesos etílicos pretenden amosar a súa masculinidade torturando a un animal indefenso, espetándoo con lanzas, agochados na multitude sedenta de sangue, ou cravándolle dardos desde a seguridade de un balcón. En Galiza temos moitas boas maneiras de nos divertir e despois durmir coa conciencia tranquila de non ter feito mal algún a inocentes, sen necesidade. ADEGA e Matar por Matar Non convidan a todos os galegos e galegas a que expresen o seu malestar pola realización destes espectáculos sanguentos e torturadores e convidándovos a participar nos actos de rexeitamento das touradas destes días tanto en Pontevedra como na Coruña. En Galiza MELLOR SEN TOURADAS!!!. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|



