| Minicentrais e muíños a dedo: o saqueo do país non pode quedar impune |
|
|
31 de xullo de 2008. O informe do Consello de Contas pon de actualidade o que ADEGA e COGADER (Coordenadora Galega en Defensa dos Ríos) denunciaron xa hai anos: o escandaloso proceder dunha administración que utilizaba os nosos recursos naturais para o reparto de prebendas entre amigos, cuñados, etc. através da concesión irregular de encoros e parques eólicos. Foi xa que logo, un saqueo en toda regra. Mais ADEGA quere ir máis aló de esixir responsabilidades políticas e penais (que xa investiga o fiscal) aos culpábeis deste saqueo. O actual governo ten o deber de non ser cómplice deses manexos, e impedir que continúe tramitación de minicentrais concedidas irregularmente. Hai mecanismos como a caducidade ou o resgate das concesións, a revisión dos estudos e declaracións de impacto e mesmo a anulación das adxudicacións polos motivos que aponta o Consello de Contas, que a Xunta debería exercer para non ser cómplice dos manexos de Ordás Badía, Castro Valdivia, Fontenla, Paco Vázquez e demáis compaña.Malia á suspensión en 2005 da concesión de 32 aproveitamentos hidroeléctricos e á aprobación da ILP en Defensa dos Ríos no 2006, son aínda moitas as minicentrais que amezan a vida dos nosos ríos. As concesións hidroeléctricas feitas na era Fraga e agora denunciadas polo Consello de Contas, poden efeitivizarse en calquera momento. Abonda con meter unha pá no río nos dous-a-catro anos seguintes á concesión para validar o "comezo" das obras, podendo logo demorarse sine die, por motivos "xustificados". Esta trécola permite que as empresas, algunhas sen capacidade económica algunha, teñan aferrollados moitos ríos para especular cos aproveitamentos. A maiores, nestes intres atópase en revisión o Plano Sectorial Hidroeléctrico para adatalo á Directiva Marco da Auga (2001/42/CE) e ao fixado pola Lei de Defensa dos Ríos Galegos (Lei 5/2006). Por iso, ADEGA propón que alén de revisar os supostos ambientais para limitar a instalación de minicentrais dacordo á clasificación das masas de auga e ao seu estado ecolóxico, así como a modificación dos caudais mínimos, deberianse revisar as concesións existentes e solicitadas. Non menos importante é a modificación do procedemento administrativo das concesións para evitar o favoritismo, a especulación e a picaresca que mantén aínda hoxe unha espada de Damocles sobre ducias de cursos fluviais. Arestora nas bacías de Galiza Costa (competencia da Xunta) hai preto de 40 aproveitamentos outorgados que aínda non están en explotación, algúns deles co prazo de execución xa vencido. Estes aproveitamentos concedidos e pendentes de execución non foron afectados polo Decreto de suspensión, e poden portanto comezar a executarse en calquera momento. Unha prática fraudulenta e moi estendida consiste en "iniciar" as obras (un par de paladas no río abonda) denantes de dous/catro anos para evitar a caducidade e non perder a concesión. Deste xeito a empresa xa pode "continuar" os traballos en calquera momento (moitas non teñen capacidade real para facelo) ou negociar -especular- coa concesión. Tal como recoñece o Consello de Contas, a concesión de aproveitamentos realizouse mediante procedementos administrativos sumarísimos con Declaracións Ambientais feitas en catro días -vaia dilixencia- cando o goberno estaba en funcións, e no último minuto como quen reparte o botín antes de que chegue a policía. Non é recibo que unha persoa, por ser quen é ou pon contar con bos "amigos" teña ao seu nome 27 empresas eléctricas, a maior parte delas con capital mínimo. Son auténticos chiringuitos que só valen para revender os dereitos de explotación a prezos elevados ás transnacionais do ramo, nas que por certo se aseguran suculentos postos e xubilacións douradas. No caso de Ordás Badía, a multinacional Endesa fichouno para dirixir os seus negocios enerxéticos en Portugal. ![]() Son algúns exemplos que serven como mostra do proceder da anterior administración e que, por xustiza e dignidade e por hixiene democrática non deberían quedar impunes. Hai que rematar exemplarmente coa sensación de indefensión e inxustiza que estas condutas provocaron na sociedade galega e coa verdadeira debacle ambiental que causaron no noso país. ADEGA esixe da Xunta de Galiza que paralice e investigue o estado de todas as concesións feitas durante os últimos anos do governo Fraga denunciadas agora polo Consello de Contas, con vistas á apertura dos pertinentes expedientes de caducidade, revisión das concesións ou mesmo o seu resgate e que poña en coñecemento da Fiscalía as práticas "fraudulentas" dalgunhas destas empresas. ADEGA pide tamén á fiscalía que faga extensivas as súas investigacións e imputacións a outras moitas concesións hidráulicas e eólicas no país, e chegue até as últimas consecuencias nos casos Ordás Badía-Castro Valdivia-Fontenla-Paco Vázquez, a semellanza da trama eólica en Canarias. Saquear os nosos recursos naturais non pode quedar impune! |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|

31 de xullo de 2008. O
ILP en Defensa dos Ríos



