24 de xullo de 2008. ADEGA vén de denunciar outro caso de emprego masivo de herbicidas para o rozado das vías de comunicación. Desta volta trátase da AG-53, a autoestrada Santiago-Ourense, de titularidade autonómica. Nesta vía, aplicáronse masivamente herbicidas para "limpar" de mato as cunetas e pasos mesmo chegando a carón do río de Santa Lucía, nos concellos de Compostela, Teo e Vedra. Como se observa nas fotografías, a vexetación aparece seca (co conseguinte risco de lumes) e o efecto dos herbicidas chega ao río, traspasando os químicos ao ecosistema. A flora de ribeira foi arrasada e curiosamente só sobreviviron algunhas matas de herba da Pampa (Cortaderia selloana), unha especie invasora moi difícil de erradicar.
Toneladas de herbicidas tóxicos seguen sendo usadas para limpar de vexetación centos de kilómetros de estradas galegas. A lexislación vixente pemite esta práctica, pero iso non implica que sexa a millor para o ambiente. Para ADEGA os responsábeis públicos deberían ser máis conscientes dos problemas ambientais que conleva o uso destas substancias. Os agroquímicos con que se fumiga son arrastrados polas chuvias ou inxectados directamente nas canles fluviais, coma neste caso, contaminando os acuíferos. Ao difundirse no ambiente, afectan a moitos seres vivos pasando ás cadeas tróficas. Deste xeito, especies que non eran obxectivo da fumigación vense expostas a estas substancias, que acabarán chegando aos consumidores/as. En ADEGA mesmo temos recibido denuncias do consumo das herbas das cunetas recén fumigadas por animais domésticos. No caso que nos ocupa, toda a vexetación riparia do río Santa Lucía secou pola aplicación destes produtos. Toda? Non: persistiron algunhas matas de Cortaderia ou herba da Pampa (os típicos plumachos das autoestradas) que son unha especie invasora moi difícil de erradicar. Deste xeito, eliminouse a competencia desta invasora facilitando a súa penetración nos nosos ecosistemas. Por outra banda, os métodos de rozado químico non supoñen unha maior seguridade contra os lumes, senón ao contrario: toneladas de biomasa seca permanece nas cunetas nas épocas de maior risco de lumes. O celne da ineficacia e da insustentabilidade é o novidoso costume de fumigar e logo cortar a vexetación morta. Se se vai cortar, que necesidade hai de fumigar antes e utilizar alegremente perigosos tóxicos? Non podería rozarse mecánicamente dende un principio? Alén disto, non existe praticamente control das práticas prohibidas á hora de fumigar: non facelo preto de terras de cultivo e cursos de auga. Ao longo da autoestrada AG-53 podemos observar continuamente exemplos deste mal uso. As administracións públicas deberían ser as primeiras en dar exemplo de responsabilidade ambiental, comprometéndose coa sustentabilidade e as boas práticas ecolóxicas. Será moi recomendábel que cando menos en estradas de titularidade pública (concellos, deputacións e Xunta como neste caso) se favorecera o emprego de medios mecánicos fronte ao emprego de agroquímicos. No entanto, a persistenza destas práticas é un exemplo de desleixo e irresponsabilidade polo risco que conlevan, e amosa un feble compromiso coa saúde e o ambiente. |