|
ADEGA pide investigar as práticas de Endesa no encoro do Eume e a súa relación coa acidez do río |
|
|
17 de xullo de 2008. A explicación de Medio Ambiente sobre a morte de peixes no Eume, responsabilizando á autovía Ferrol-Vilalba, non convencen a ADEGA nin aos pescadores. Certo que as augas ácidas da autovía chegan ao Eume polo do Chamoselo, pero a mortandade prodúxose 34 kilómetros río abaixo. A Consellaría non soubo ou non quixo considerar o outro pico de acidez no Eume á saída do encoro da Capela, a só 10 kilómetros do couto de Ombre, lugar do desastre. Este foco podería ter orixe na presunta limpeza dos fondos do encoro que explota Endesa. ADEGA e os colectivos de pescadores queremos saber se Augas de Galiza autorizou o valeirado de lamas no encoro e que investigue as práticas de Endesa na presa da Capela.
Recentes medicións no río confirman que na zona do desastre o pH pasa de 7,0 -relativamente normal- a 5,1 -100 veces máis ácido- nun treito de apenas 5km, e que este "choque ácido" é o responsábel da morte dos peixes. Porén, as causas da acidez habería que buscalas río arriba e é precisamente á saída do encoro da Capela onde se rexistran valores de pH máis ácidos. A Xunta descartou esta posibilidade e atribuíu ás obras da autovía Ferrol-Vilalba, máis de 30 km augas arriba, a fonte da acidez. Recoñecendo (como denunciou xa ADEGA e os colectivos de pescadores) que o río Chamoselo inxecta augas con extrema acidez no Eume (pH=3,1), este foco vaise diluindo río abaixo até chegar o encoro (pH=5,2). Augas abaixo da central e coincidindo coa saída das augas turbinadas, hai outro importante foco de acidez que a Xunta decidíu non ter en conta. Este foco, a tan só 10 km río arriba do lugar do desastre, podería relacionarse con operacións de valeirado de lamas e sedimentos do fondo do vaso, para aumentar a capacidade do encoro. Pódese observar que na mesma saída do encoro, as paredes do azude aparecen cheas de limos e os fondos do río están moi colmatados de sedimentos case até a desembocadura. ADEGA esixe á consellaría que investigue a presunta relación do encoro do Eume coa acidificación do río augas abaixo do vaso, talvez por presuntas operacións de "limpeza de fondos" a cargo da concesionaria. Esta semella ser a circunstancia máis probábel para explicar a alta acidez río abaixo e non entendemos como esta posibilidade foi rapidamente descartada. A consellería debería indagar se Endesa levou a cabo estas operacións no encoro do Eume, aproveitando a "desinteresada" e "inestimábel" colaboración da empresa para remediar o problema da acidez do río. |