Compostela, 25 de xuño de 2009. O ambiente da Costa da Morte está de saldo: piscifatorías, parques eólicos en primeira liña de costa, Parador na Rede Natura e agora, a liña de alta tensión (LAT) Muxía-Vimianzo. ADEGA ven de presentar novas alegacións á liña de alta tensión Muxía-Vimianzo, outro proxecto de alto impacto para unha zona xa amenazada polas piscifatorías de Merexo e Touriñán, o Parador previsto para a Rede Natura e os parques eólicos Muxía I e II. E por se alguén protesta, non hai que preocuparse: a declaración de utilidade pública, que a administración concede como churros, aplanará o camiño permitindo expropiar as terras dos que non queiran venderllas ás empresas privadas. E todo en aras do "interese público", mais... de quen? Baixa as Alegacións LAT MUXÍA-VIMIANZO (93 KB) |
|
23 de xuño de 2009. Este pasado día 20 apresentouse en Melide, no marco da Universidade Rural Galega, a GUÍA de BOAS PRÁCTICAS AMBIENTAIS do CAMIÑO DE SANTIAGO (1.80 MB), coa intención de colaborar a "ambientalizar" o vindeiro ano xacobeo e promover as actitudes respectuosas co patrimonio natural e cultural do Camiño. Xunta aos consellos e boas práticas, incluimos tamén unha ficha de denuncia para que poidades enviar a ADEGA as vosas observacións sobre agresións e impactos no percorrido, así coma os comentarios e suxestións para millorar aquelas cuestións de incidencia ambiental no Camiño. |
|
23 de xuño de 2009. Os postos de traballo son un dos principais argumentos das empresas de acuicultura industrial para defender os seus intereses. Nos seus proxectos e através da propaganda mediática, preséntanse como a panacea para as vilas costeiras, ofertando impúdicamente centos de empregos. A realidade é outra: a acuicultura industrial emprega hoxe a unhas 400 persoas segundo información do propio Clúster acuícola, entre persoal de dirección, vendas, producción, etc. Datos do IGE (Inst. Galego de Estatística) falan do estado destas empresas en Galiza: "Plantillas inferiores a 50 traballadores, das que máis dun terzo teñen menos de 10". |
|
22 de xuño de 2009. Está moi claro quen manda na consellaría do Mar: PESCANOVA. A inauguración este día 21 da macropiscifatoría de Mira, preto de Coimbra, puxo de manifesto a enorme influencia que determinadas empresas privadas exercen sobre administracións e medios de comunicación. Así nas informacións da prensa galega, esta macroinstalación de acuicultura industrial preséntase como un proxecto milagre, capaz de achegar felicidade e prosperidade a vilas deprimidas e terceiromundistas. Esta enorme campaña informativa é parcial e carece de rigor ao presentar unha única visión das macropiscifactorias apoiada en mentiras e medias verdades. No entanto, á conselleira do Mar Rosa Quintana faltoulle tempo para poñerse ás ordes de Fernández de Sousa e repetir dilixente que recupera o proxecto de Touriñán. |
|
Compostela, 20 de xuño de 2009. Durante mañá e a tarde do sábado día 20, no paseo central da Alameda de Compostela, desenvolveranse as actividades da FEIRA DO SOL 2009. Os actos comezarán ás 11:30 horas e prolongaranse durante todo o día até as 20:00 h. Haberá cociña solar con degustación de produtos ecolóxicos, contacontos, obradoiros de fabricación de xoguetes solares, percorridos en bici e unha manchea de actividades lúdico-participativas. Dende ADEGA colaboraremos cun posto informativo e realizaremos un obradoiro de FOGARES VERDES para o aforro de auga e enerxía no fogar.
|
|
Compostela, 20 de xuño de 2009. Este sábado día 20 no Museo do Pobo Galego realizaremos o V Encontro de Voluntariado do Proxecto Ríos. Este encontro pretende ser o espazo donde o voluntariado do Proxecto Ríos poida presentar os seus traballos, partillar experiencias, divulgar audiovisuais, etc. Este ano o encontro centrarase no valioso patrimonio cultural asociado aos ecosistemas fluviais para divulgalo e poñelo en valor como unha peza fundamental para a conservación dos nosos ríos. |
|
Domingo 21 de xuño de 2009. Para finalizar o actual curso de roteiros 2008-2009 de Adega Lugo sobre os Parques Naturais, iremos ao Parque Natural da Serra do Invernadoiro, na provincia de Ourense. A ruta da Acevada é de 8 km aprox. e de dificultade media. Comeza nas casas da Ribeira Pequena, ascendendo entre piñeirais e cunha boa vista do val do río Ribeira Pequena até chegar ao lugar coñecido como Caseta do Birlauto. |
|
17 de xuño de 2009. A FEG, da que fai parte ADEGA, e Amigos da Terra presentaron esta mañá o informe "Propostas para unha xestión preventiva e sostible dos residuos sólidos urbanos en Galiza". A vogal de residuos de ADEGA, María Rodríguez, o secretario xeral da FEG, Celestino Quintela e a representante de Amigos da Terra, María Durán, explicaron os detalles da proposta. Ante as recentes declaracións do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, de afrontar o incremento no volume de residuos galegos através de máis incineración, ADEGA a FEG e Amigos da Terra manifestamos a nosa preocupación e alertamos de que estas políticas afondan nos erros do pasado. Por este motivo, presentamos este informe coas nosas propostas que entregaremos a Medio Ambiente, para que sexan incorporadas ás políticas galegas de xestión dos residuos. Baixa o documento coas Propostas ecoloxistas RESIDUOS (0,5 MB) Máis información sobre a postura de ADEGA nesta LIGAZÓN |
|
Compostela, xuño de 2009. Temos na Galiza unha especie única, que só existe nesta parte do mundo: un endemismo, que se di en ecoloxía. Este endemismo atópase en perigo de extinción debido a que a administración non se preocupa por fornecerlle un hábitat favorábel na escola e na sociedade. O Decreto 124/2007 viña a garantir o dereito á supervivencia do galego no ensino, en cumprimento do marco de convivencia estatutario. A súa derogación representa a consolidación da competencia desleal dunha especie alóctona, tan instalada que case se percibe como propia, como pasa co "alcolito"... Esiximos dos poderes públicos respecto e compromiso coa nosa língua: O FUTURO DO GALEGO NON PODE SOMETERSE A REFERÉNDUM !
|
|
|