Compostela, 4 de decembro de 2009. A consellería do Mar vai modificar o Plano Galego de Acuicultura aprobado polo bipartito en 2008, para mudar o réxime de acceso á propiedade dos terreos. Se no plano do bipartito, as terras eran de propiedade pública cedidas por concesión temporal, coa modificación que a Xunta pretende introducir déixase nas mans das empresas a merca dos terreos. Iso sí, a administración segue podendo expropiar "se así fose necesario" cando as empresas non poidan facerse coas terras. Isto é: se os veciños non queren vender ao prezo que lle marquen as empresas, a administración expropiarallas para cederllas a aquelas. Mais o sorprendente é que esta modificación afecta ao Plano Acuícola do bipartito, sobre o que o TSXG na sentenza do contencioso de Touriñán, advertíu da súa nulidade por "defecto de procedemento". Cal é entón o Plano Acuícola vixente? A que está xogando Feijóo? Vaites coa seguridade xurídica! |
|
Lugo, 3 de decembro de 2009. ADEGA vén de facer entrega dos oito premios do concurso de fotografía “Agresións ás augas continentais galegas” e inaugurou a exposición de fotos no Centro Sociocultural Uxío Novoneira de Lugo. O concurso fotográfico acadou o seu obxectivo de facer partícipe á sociedade galega na denuncia en imaxes das irregularidades acometidas nos efluentes galegos e os impactos que a actividade humana xenera nos ríos, lagoas ou outro tipo de augas continentais de Galiza. En total, son arredor de 30 fotografías de ríos contaminados, encoros hidroeléctricos, lixo nos efluentes, etc., debidamente situadas xeográficamente polos seus autores e autoras. Grazas a todos e todas! |
|
Ferrol, 3 de decembro de 2009. Mesa-redonda-coloquio organizada por ADEGA: “O PORTO CARBOEIRO DE FERROL: QUE FACER CON EL? PASOS NA REXENERACIÓN DA RÍA DE FERROL". Galería Sargadelos, xoves 3 ás 19:30h. Relatores: D. Joám Luís Ferreiro, biológo, Confraría mariscadores/as de Barallobre e Sociedade Galega Historia Natural; D. Javier Solloso, vicepresidente da Asociación Veciños/as “Cruceiro de Canido” (Ferrol). Modera: Antonio García (ADEGA-Trasancos) |
|
26 de novembro de 2009. Coa aprobación da Lei que regulamenta o aproveitamento eólico de Galiza, perderase outra oportunidade para o desenvolvemento sustentábel do sector. Seguimos sen un modelo que estableza as condicións para harmonizar esta industria co respecto ao ambiente e á xustiza social. Nen a anterior administración nen a actual foron quen de abrir o debate social para consensuar un novo modelo eólico e enerxético, lonxe do consumismo desbocado e do produtivismo a ultranza. Pero a nova Lei Eólica vén desfacer o camiño andado polo Decreto 242/2007 (a piques de se derrogar) que anque insuficiente, avanzaba nas garantías ambientais e sociais dun sector dende sempre controlado polos tabeiróns da enerxía. ADEGA presentou aos 3 grupos parlamentares as súas propostas que, previsibelmente, non serán aprobadas: todo está xa amarrado dende a aperta de Galán a Feijóo. |
| |
|
Compostela, 25 de novembro de 2009. A proxectada piscifatoría de cabo Touriñán afectaría gravemente a hábitats cuxa conservación é prioritaria (case a metade da superficie total, 350.000 m 2) así como a unha especie vexetal vulnerábel, a Linkagrostis juressi, do Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Así o confirma un informe elaborado polo prof. de botánica da USC Xabier Amigo Vázquez. Á vista destas afeccións, o científico considera que o proxecto acuícola de Touriñán resulta INCOMPATÍBEL coa conservación dos hábitats e especies protexidos. Van a Sra. Quintana e o Sr. Feijóo a respectar a lexislación europea, estatal e galega que protexe a Rede Natura ou suprimirán por decreto os valores naturais de Touriñán para contentar a Pescanova? Baixa o Informe HÁBITATS TOURIÑÁN (168 KB) |
|
Compostela, 23 de novembro de 2009. A 34ª Asemblea Xeral de ADEGA elixíu a Virxinia Rodríguez como nova Presidenta de ADEGA. Virxinia Rodríguez, até o de agora Secretaria Xeral, accede á presidencia en substitución de Adela Figueroa, que ostentou este cargo os últimos catro anos. A presidenta saínte, histórica fundadora de ADEGA, pasa a testemuña a Virxinia Rodríguez para dar máis pulo á asociación nuns intres de crise ambiental, económica e social. A Asemblea agradeceu o traballo e o compromiso co país e co ambiente amosado sempre por Adela Figueroa, que seguirá sendo a responsábel de Transporte e Mobilidade. A nova Presidenta Virxinia Rodríguez manifestou o seu anceio de continuar traballando na defensa ambiental de Galiza coa intelixencia, compromiso e independencia que ADEGA vén amosando dende hai 34 anos. |
|
Sábado 21 de novembro, Pazo de Eidián (Agolada). Será a 34 Asemblea Xeral que celebra ADEGA nos seus 33 anos de vida. Desta volta, estará organizada pola delegación do Alto Ulla, na que se ubica o equipamento ambiental da Eira da Xoana. O lugar será o Pazo de Eidián, no concello de Agolada, Pontevedra. Neste lugar celebraranse as reunións da Asemblea e será tamén a cea de confraternización do sábado 21. Nuns intres nos que no país estamos a asistir a unha involución nas políticas ambientais, precisamos máis que nunca dun ecoloxismo forte nunha sociedade comprometida. Acode e participa nos actos da 34ª ASEMBLEA de ADEGA e coñece a túa casa no Alto Ulla! |
|
Domingo, 22 de novembro de 2009. O segundo roteiro do ciclo 2009-2010 organizado por ADEGA Lugo por camiños históricos transcorrerá polo do Alto Ulla, através do camiño real. Comezaremos polo Castelo de Pambre, BIC (ben de interese cultural) do século XIV e capela do S. XII, aínda de propiedade privada, que pretendemos recuperar para o uso público coas “Marchas Irmandinhas”. Precisamente ás 10h e como inicio do roteiro, haberá un acto reivindicativo no Castelo para esixir das administracións a súa recuperación. |
|
Lugo, 18 de novembro de 2009. O TSXG volta a desacreditar as actuacións do goberno Fraga respecto da piscifatoría de Rinlo (Ribadeo). Logo de que o TSXG emitira sentenza este 23 de setembro contra a resolución da D. X. de Calidade e Avaliación ambiental do último goberno Fraga, que aprobaba a DIA da piscifatoría de Rinlo (Ribadeo), agora vén de emitir outro fallo que anula o acordo do Consello da Xunta de 28-7-2005, que aprobaba o Proxecto Sectorial da planta de acuicultura de Acuinor S.L. Ambas sentenzas, favorábeis aos recursos contenciosos interpostos por ADEGA en setembro de 2005, ratifican os motivos polos que os ecoloxistas denunciabamos a execución da planta de acuicultura de Acuinor. Pero nesta segunda sentenza destácase, sobre todo, a desconsideración do goberno Fraga polos aspectos ambientais do lugar (LIC As Catedrais, Rede Natura) obxecto de instalación da piscifatoría de Álvarez-Cascos. Baixa a Segunda SENTENZA RINLO (1.12 MB) |
|
|
|
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>
|
| Resultados 1 - 18 de 745 |